Ookla destaca a velocidade da fibra de Digi

xoves, 15 de xaneiro do 2026 Redacción

Digi volveu ser recoñecida como “a rede de fibra máis rápida de España” no segundo semestre de 2025, segundo os Ookla Speedtest Awards, acumulando así cinco anos consecutivos á cabeza do rendemento da fibra a nivel estatal. Ademais, o operador rexistrou novamente a menor latencia media do mercado español, un factor clave para mellorar a experiencia de uso en servizos como o streaming de vídeo, os videoxogos en liña ou as videoconferencias.
O recoñecemento baséase nas máis de 13 millóns de medicións realizadas polos usuarios a través de Speedtest durante o segundo semestre de 2025 en todo o territorio. A análise outorgou a Digi unha puntuación de 76,42 sobre 100 no Speed Score, un indicador que avalía o rendemento das redes de banda larga fixa tendo en conta as velocidades de descarga, subida e a latencia reportadas polos usuarios.
Actualmente, máis de 13 millóns de fogares contan xa con cobertura da fibra de Digi, froito da despregadura de redes de fibra óptica levado a cabo nos últimos oito anos. O operador ofrece diferentes modalidades de conexión, desde tarifas de 300 Mbps ata opcións de alta capacidade con velocidades de ata 10 Gbps, en función da dispoñibilidade de cobertura en cada zona.
Cómpre tamén salientar que os resultados positivos de Digi ao medir a súa velocidade é un dato pouco obxectivo, xa que a compañía limita a súa cobertura a grandes núcleos de poboación, deixando fóra os territorios máis complexos (como o rural) que son os que reducen a media de velocidade do resto de operadoras, de aí que Avatel sexa o que recibe peores resultados (algo que deberiamos aplaudir, pois indica un esforzo por achegar os seus servizos ao rural).

Resultados das probas de velocidade realizadas por Ookla