Ordes conta cun novo plató para rodaxes equipado co apoio do Hub Audiovisual

martes, 27 de febreiro do 2024 Redacción

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, visitou este mediodía o novo plató para rodaxes de cinema e televisión instalado no concello coruñés de Ordes por Tex45 Producións, que contou para o seu total equipamento co apoio da Xunta de Galicia a través do seu Hub Audiovisual Industria Cultural.
Acompañado por Manuel Cernadas e Elba Pedrosa, director e coordinadora de novos formatos de Tex45, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades visitou o novo espazo habilitado nunha nave do polígono industrial de Merelle, co que se amplían os servizos que esta empresa xa viña ofrecendo desde hai anos nun primeiro plató situado na mesma localidade. En ambos os casos, dispoñen da última tecnoloxía LED tanto en iluminación como en pantallas de vídeo para calquera tipo de filmación.
Entre os dous estudios, Tex45 leva a cabo de xeito simultáneo a gravación de entre catro e cinco programas de televisión e está previsto que comece tamén proximamente a gravación de interiores do filme Para ver o mar, título beneficiario das axudas da Xunta á produción audiovisual no pasado ano 2022.
Para levar a cabo o seu novo proxecto, a produtora recibiu unha subvención de preto de 100.000 euros como unha das 42 empresas culturais adxudicatarias en 2023 do fondo tecnolóxico para a adquisición de novos equipamentos, que están a reverter directamente nunha maior competitividade do sector na nosa Comunidade.

Capacidade para 200 persoas

Con este segundo espazo en Ordes, engádense 1.100 m2 para a filmación de todo tipo de producións audiovisuais, dos que máis de 700 m2 funcionan como plató diáfano cun ciclorama verde chroma. Con capacidade para 200 persoas, inclúe tamén outras dependencias destinadas a almacén, oficinas ou camerinos.
Este acondicionamento posibilitou, entre outras accións, a optimización do sistema de climatización para mellorar a eficiencia enerxética e reducir a pegada acústica, o illamento acústico e lumínico do espazo e a instalación de truss de aluminio para empregar nas rodaxes.

PUBLICIDADE