“Orgullo” polos tres docentes premiados polo seu traballo STEM no rural

venres, 9 de xaneiro do 2026 Redacción

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, puxo hoxe en valor o “orgullo” que representan os docentes Lorena Cerdeira, Fina Paulos e Óscar Rey polo seu labor diario como “referentes da profesionalidade ao servizo da calidade do sistema educativo galego, especialmente no rural e nun ámbito tan sensible como o das novas tecnoloxías”.
Durante unha visita ao Concello de Zas, onde os tres exercen a docencia, o responsable de Educación trasladoulles persoalmente os parabéns en nome da Xunta de Galicia e do conxunto da comunidade escolar tras seren recoñecidos cos I Premios Nacionais a Experiencias Educativas que promoven no alumnado as competencias dixitais e STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas).
Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, salientou que o liderado do ensino galego en resultados en ciencias ou en equidade e igualdade de oportunidades, avalado por estudos comparativos de ámbito internacional e estatal, “non é froito da casualidade”, senón do “esforzo, da implicación e do bo facer” do profesorado no día a día das aulas, do que “Lorena, Fina e Óscar son un exemplo no que mirarnos”.

I Premios Nacionais

Os galardóns distinguiron os proxectos Clics seguros en Zas, coordinado por Lorena Cerdeira desde o Centro Público Integrado de Zas, e Miño en xogo, desenvolvido polos docentes Fina Paulos e Óscar Rey no Instituto Maximino Romero de Lema.
Ambas as iniciativas obtiveron o primeiro premio na categoría de elaboración de recursos educativos abertos para alumnado de ESO (unha na modalidade individual e outra na de grupo), convocada polo Ministerio de Educación, FP e Deportes. Os proxectos derivan de programas impulsados pola Xunta para reforzar a competencia dixital do estudantado, en particular do proxecto cREAgal, a plataforma de contidos educativos en aberto da Consellería, e dos Polos Creativos.