Orixes aspira a obter un dos principais premios europeos de arte dixital

martes, 9 de decembro do 2025 Redacción

A experiencia inmersiva Orixes, impulsada pola Xunta de Galicia, aspira este martes en Bruxelas a facerse cun dos principais premios internacionais das artes dixitais: os XR Awards na categoría de Mellor Experiencia Artística. A proposta, desenvolvida pola Cidade da Cultura en colaboración coa empresa galega Maxina, é unha das tres únicas seleccionadas en España como finalista.
O Goberno galego considera esta clasificación un recoñecemento á calidade das experiencias de arte dixital que se están a impulsar na Comunidade e, en particular, no Gaiás en alianza con operadores privados, como neste caso Maxina. Salienta tamén que non é un feito illado e lembra proxectos como Hábitats (producido igualmente pola Cidade da Cultura), que en 2024 foi incluído polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea entre as iniciativas dixitais máis destacadas do país.
Os AIXR XR Awards, organizados pola Academia Internacional de Realidade Estendida, distinguen a innovación no ámbito das tecnoloxías inmersivas a nivel global. Considerados unha referencia internacional, buscan apoiar proxectos pioneiros e promover unha comunidade que conecte profesionais e innovadores do sector tecnolóxico de todo o mundo. Dirixida polo artista visual Carlos Seijo, Orixes estreouse no Museo Gaiás, onde máis de 30.000 visitantes puideron desfrutar dunha viaxe no tempo polas distintas etapas de formación do planeta e dos primeiros pasos da vida. A través da tecnoloxía de realidade mixta, que superpón capas virtuais sobre a arquitectura física, o público camiñou simultaneamente polo espazo real e polo dixital.

Aposta pola arte dixital

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude interpreta estes recoñecementos como un aval ao labor que se está a desenvolver desde a Cidade da Cultura, onde avanza a construción do que será o primeiro Centro de Artes Dixitais de Galicia, previsto para entrar en funcionamento en 2026. Orixes ou Hábitats son dous exemplos dunha liña de programación que o Gaiás mantén desde hai anos como unha das súas prioridades, xunto con propostas como Carne y Arena, o Galiverso, Castelao. Mirar por Galicia ou, máis recentemente, o foro de cultura e creación dixital SINTE, que reuniu en Santiago de Compostela a destacados referentes internacionais da arte dixital.
En consonancia cos principios da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, a Xunta subliña que este tipo de experiencias dixitais adoitan eliminar barreiras arquitectónicas e incorporar solucións que favorecen a inclusión. No caso de Orixes, empregáronse chalecos táctiles de vibración, unha tecnoloxía que enriquece a percepción sensorial, especialmente útil para persoas xordas ou con dificultades de audición.