Os EE.UU. presionan a Rusia para que peche a web AllOfMP3.com

mércores, 11 de outubro do 2006 Marcus Fernández

Resulta sorprendente que un dos atrancos para o ingreso de Rusia na Organización Mundial do Comercio sexa unha páxina web, e é que os negociadores norteamericanos que están a conectar cos responsables rusos queren que a tenda virtual AllOfMP3.com peche, porque o consideran como un dos meirandes fondos de música pirateada a nivel mundial, se ben, a web é totalmente legal baixo as leis de protección de copias en Rusia, posto que a lexislación sobre dereitos de autor nese país non é tan ríxida coma no resto do mundo.
A polémica web conta cunhas 850.000 cancións e 5,5 millóns de subscritores que poden adquirir cancións por entre 10 e 20 centavos, o que supón unha dura competencia para servizos coma iTunes (que cobra 99 centavos por canción).
Curiosamente, os responsables da web aseguran que tralas críticas contra o seu servizo nos EE.UU. por parte de Susan Schwab (Representante de Comercio Exterior) están a achegarse milleiros de novos clientes que descoñecían a tenda virtual de música.

Ilya Levitov, voceira de AllOfMP3, declarou a The Times que “o problema que teñen os americanos non é o copyright senón o noso modelo de negocio, que está arruinando o seu” ó que engade que “vendemos cancións por quince ou vinte centavos e eles se empeñan en manter prezos de disco compacto”. Así, aseguran que se vendesen as cancións ó mesmo prezo que as compañías norteamericanas non terían problemas cos representantes do Comercio Exterior de EE.UU.
AllOfMP3 pagan no seu país unha porcentaxe de cada descarga en Internet á Organización Rusa Para a Multimedia e os Sistemas Dixitais, que é o organismo que xestiona os dereitos de propiedade en Rusia e que se encarga de repartir os ingresos entre os titulares do copyright.

PUBLICIDADE