Os Espazos de Twitter lánzanse oficialmente

luns, 3 de maio do 2021 Marcus Fernández

As salas de voz de Twitter levan un tempo en probas, e finalmente Twitter Spaces completa o seu lanzamento oficial, de xeito que a partires de agora calquera usuario de Twitter con a partir de 600 seareiros (aínda que atopamos casos con moitos menos) ten a posibilidade de abrir un Espazo de Twitter para conversar con outros usuarios ante unha audiencia libre, de xeito que o moderador pode elixir a quen dá a voz, cun máximo de 10 falantes convidados.
Este novo formato de comunicación de Twitter limítase actualmente ao móbil (aínda que está previsto que conte con versión para o escritorio) e, para ter unha boa visibilidade, os Espazos que estean a celebrar os usuarios que seguimos estarán visibles na parte superior da pantalla, mesturándose cos Fleets. O moderador non só pode dar a palabra, senón tamén silenciar o micrófono dos participantes (característica pensada principalmente para evitar ruídos de usuarios que non están a falar nese momento e non adoptaron aínda o costume de silenciarse activamente cando non falan) e definir a temática do Espazo; mentres que os falantes, aparte de conversar, tamén poden compartir chíos que veranse destacados na parte superior da aplicación.
Este lanzamento permite que Twitter supere claramente a plataformas como Clubhouse, xa que estaría dispoñible a moitos millóns de usuarios con iOS e Android, mentres que Clubhouse aínda está a iniciar as probas da súa aplicación para Android, carencia que está a ser un importante atranco para o seu espallamento internacional.
Pero o desenvolvemento de Twitter Spaces está lonxe de rematarse, e o seu equipo xa adianta que está a traballar na posibilidade de crear Espazos de pagamento, programar a apertura dos Espazos e configurar recordatorios dos mesmos, compartir a moderación dos Espazos con outros usuarios, ofrecer outros xeitos de atopar os Espazos activos e mellorar tamén a accesibilidade (para o que en inglés contan con funcións como os subtítulos).
Tras esta grande apertura dos Espazos queda por ver se Twitter conseguirá converterse na plataforma que lidere este formato de comunicación, ou verá como Facebook, Instagram, Clubhouse, Discord ou incluso Telegram conseguen arrebatarlle a coroa dun reino que podería dominar simplemente por resultar moi acorde á súa idiosincrasia e por chegar rápido a un importante volume de usuarios.

En breve estarán dispoñibles os Espazos de pagamento en Twitter

PUBLICIDADE