Os Games with Gold de xuño inclúen grandes xogos como Watch Dogs e Assassin’s Creed III

martes, 23 de maio do 2017 Marcus Fernández

Microsoft continúa sen soltar o pé do acelerador, e unha vez máis ofrece unha grande selección de Xogos con Gold para o mes de xuño, de xeito que os subscritores de pagamento de Xbox LIVE poderán incluír na súa colección de xogos dixitais 4 novos xogos: 2 de Xbox One e 2 de Xbox 360 (retrocompatibles con Xbox One).
O inicio do mes será moi discreto, co xogo de plataformas SpeedRunners, título independente que dificilmente captará a atención, especialmente se temos en conta que o xogo que recibirán os usuarios con Gold de Xbox One será Watch Dogs, todo un clásico moderno do mundo aberto, que hai poucos meses estreou secuela, dando pé a unha serie que con esta iniciativa podería gañar novos adeptos.
Pero os xogos para Xbox 360 non se quedan atrás, e na primeira metade do mes estará dispoñible Assassin’s Creed III (probablemente a entrega máis discutible da saga, non pola súa calidade, senón por atreverse a mudar a súa ambientación ao outro lado do Atlántico, introducíndose na Guerra da Independencia dos EE.UU.) mentres que para completar xuño teremos o non menos destacable Dragon Age: Origins.
Por se iso fora pouco, os usuarios Gold de Xbox LIVE tamén recibirán en xuño un paquete descargable para o xogo free-to-play Phantom Dust.

Vídeo promocional dos Xogos con Gold do mes de xuño

PUBLICIDADE