Os Piratas do Caribe desembarcarán nas nosas costas a partires de maio

martes, 3 de abril do 2007 Raquel Noya

O vindeiro 22 de maio, coincidindo coa estrea da terceira película dos máis aloucados e teimudos piratas da factoría de Jerry Bruckheimer, Piratas del Caribe: en el fin del mundo, sairá a venda un xogo para vídeo consolas e PCs baixo o mesmo título que probablemente non pasará desapercibido polos seguidores desta saga. O xogo desenvólvese en diversos escenarios (ó igual có filme), que van dende barcos sucando os mares até poboados no medio da xungla nos que o xogador ha de loitar contra todos os inimigos (vivos ou mortos) que vai atopando alá por onde vai, ben na pel do capitán Jack Sparrow, do rapaz Will Turner ou da bela Elizabeth Swann.
Piratas del Caribe: en el fin del mundo sairá á venda para Xbox360, PlayStation3, Nintendo Wii, PSP, PlayStation2, Nintendo DS e PC e deste xeito, cada plataforma aproveitará as súas características máis peculiares para unha mellor adaptación do xogo (xa podo imaxinar ós pequenos “Jack Sparrows” manexando con mestría os mandos da Wii e liquidando ós inimigos coma ningún outro pirata dos mares virtuais).
Non cabe dúbida de que o xogo pinta ben, con aventuras inspiradas na segunda e terceira entregas que van alén dos acontecementos recollidos na longametraxe, con escenarios máis orixinais e desenlaces únicos que segundo declaran os seus creadores, “satisfarán ó pirata que todos levamos dentro”.

PUBLICIDADE