Os Pitufos estrean xogo de realidade virtual e mixta

xoves, 19 de xuño do 2025 Marcus Fernández

The Smurfs – Flower Defense é o novo xogo para realidade virtual e mixta desenvolvido por Kalank Games e publicado por Microids, no que o malvado mago Gargamel logra capturar vinte Pitufos mediante un feitizo, obrigando os demais a fuxir da aldea. A misión no xogo será entrar no seu mundo máxico, rescatalos e deter a ameaza dunha vez por todas.
Esta aventura está dispoñible para Meta Quest 2 e Meta Quest 3 a un prezo de 19,99 euros e propón unha fórmula única que mestura mecánicas de tower defense, acción en tempo real e inmersión total grazas ás tecnoloxías de realidade virtual e mixta. En Flower Defense, os xogadores usan as súas mans humanas para colocar os Pitufos no campo de batalla e defender o bosque de enxames de insectos e outras criaturas invocadas por Gargamel.
O título permite alternar entre personaxes clásicos como a Pitufiña, Filósofo e Bromista, cada un cun poder especial que pode mudar o curso das batallas: dende conxelar inimigos ata provocar explosións ou construír estruturas estratéxicas. A acción transcorre en escenarios emblemáticos do universo dos Pitufos e, grazas ao modo de realidade mixta, é posible traer esas paisaxes máxicas directamente ao fogar do xogador.

Ao longo da aventura haberá que liberar aos 20 Pitufos capturados e afrontar combates espectaculares contra xefes finais como o gato Azrael ou o propio Gargamel.

Tráiler do novo xogo dos Pitufos