Os Premios Innovagal distinguen o espírito innovador de oito centros escolares e unha aula hospitalaria
mércores, 18 de febreiro do 2026

- O telexornal do Colexio Campanario de Baroña, en Porto do Son
A Consellería de Educación e Ciencia recoñeceu cos Premios Innovagal o traballo de oito centros escolares e unha aula hospitalaria en prol do desenvolvemento de iniciativas innovadoras que teñen o nexo común de “promover os cambios metodolóxicos e fomentar a participación activa do alumnado e o seu traballo en grupo”.
Na categoría de Educación Infantil, Primaria e centros de Educación Especial, o primeiro premio é para o Colexio Plurilingüe de Campanario (Porto do Son), o segundo para o Colexio Rural Agrupado de Valga (Valga), o terceiro para o Centro de Educación Primaria Xosé María Brea Segade (Rianxo) e a mención de honra para o CEIP Francisco López Estrada (Mañón).
Na categoría de Educación Secundaria, centros públicos integrados e Educación para persoas adultas e aulas hospitalarias; o primeiro posto é para o Instituto Carlos Casares (Viana do Bolo), o segundo premio compárteno os IES Xesús Taboada Chivite (Verín) e Ribeira do Louro (O Porriño) e o terceiro é para IES Indalecio Pérez Tizón (Tui). Neste caso, a mención de honra gáñaa a aula hospitalaria do Hospital Álvaro Cunqueiro (Vigo).
Os galardóns teñen como obxectivo “poñer en valor este traballo e apoiar a súa continuidade como exemplo de boas prácticas para achegar novos referentes a toda a comunidade educativa”.
O importe do recoñecemento económico é de 10.000 € para o primeiro premio, 6.000 € para o segundo, 3.000 € para o terceiro e 1.000 € para a mención de honra
Os proxectos dos centros debían enmarcarse dentro dos ámbitos lingüístico e social, científico-tecnolóxico e matemático e de escolas saudables e abertas á contorna e estar recollido nunha memoria descritiva e un vídeo de presentación.
Detalle dos proxectos premiados
Aprendendo das nosas raíces é a proposta coa que o CEIP Plurilingüe de Campanario (Porto do Son) acada o primeiro posto da modalidade A. O proxecto baséase en abrir as aulas ao exterior para que, priorizando as tradicións da contorna, o alumnado da escola teña a posibilidade de aprender dos maiores os seus oficios e saberes como elaboración de cestos e a preparación do pan. A estreita colaboración coas familias e a Comunidade de Montes de Baroña permite elaborar proxectos vinculados á natureza e ao aproveitamento sostible da contorna, ao mesmo tempo que mellora a convivencia, o traballo cooperativo e o sentimento de pertenza á comunidade educativa e ao territorio.
O traballo do CRA de Valga é Cracreando novos espazos de aprendizaxe, unha experiencia na que o alumnado aprende cos sentidos, coa emoción e coa curiosidade. O proxecto céntrase no desenvolvemento integral e respectuoso das capacidades, ritmos e estilos individuais dos nenos, tamén moi en contacto coa contorna.
Educación km0, do CEP Xosé María Brea Segade (Rianxo), ten como obxectivo que o alumnado se eduque a través do coñecemento da súa realidade inmediata. Dentro do proxecto destacan dúas accións singulares: Máis ca leña, na que o alumnado realiza visitas guiadas e dá a coñecer os diferentes usos e aproveitamentos do monte veciñal, e Cancioneiro Escolar Urxente, cunha intensa investigación documental e a publicación de dous volumes dedicados ao folclore musical, texto e partituras propias da zona.
Cartas de ultramar, do CEIP Francisco López Estrada (Mañón), parte da biografía do emigrante Francisco López Estrada para afondar na historia da Galicia emigrante, ao tempo que reflexiona sobre a Galicia que recibe xente. O seu desenvolvemento implicou cambios organizativos e programáticos no centro e empregou distintas metodoloxías activas que promoveron o traballo cooperativo, a economía circular, a aprendizaxe servizo e a gamificación.
Glaciar, do IES Carlos Casares (Viana do Bolo) pon en valor o patrimonio natural da contorna do centro arredor da adquisición de coñecemento sobre os glaciares, e en concreto sobre a Morrena de glaciar de Chaguazoso, situada preto do instituto. O centro realizou un itinerario de actividades colaborativas e innovadoras que tiveron como produto final a programación e creación de videoxogos relacionados co tema central do proxecto.
Os chivititeiros do Disney Land d´eiquí é a iniciativa coa que participou o IES Xesús Taboada Chivite (Verín), unha actividade musical que funciona como eixe central que vertebra a liñas de actuación do centro co obxectivo de favorecer a inclusión, a convivencia e a práctica de metodoloxías activas e colaborativas ao mesmo tempo que fomenta valores humanos positivos e pensamento crítico.
Educando co Teatro: 15 anos de innovación educativa a través das artes escénicas, do IES Ribeira do Louro (O Porriño), presta especial atención á promoción dun clima de respecto e inclusión no que todo o alumnado pode expresarse e despregar o seu talento a través do teatro, ao tempo que mellora a súa competencia comunicativa e a súa capacidade para traballar en equipo. Máis de 40 espectáculos teatrais avalan a traxectoria deste centro desde 2007 neste ámbito.
Pola súa banda, Escola de talento: Trax II, do IES Indalecio Pérez Tizón (Tui), aposta por metodoloxías que potencien a competencia comunicativa nas diferentes linguas a través da creación de contidos audiovisuais. Curtametraxes, vídeos e relatos dixitais axudan a que o alumnado aprenda a expresarse con seguridade, traballe en equipo e empregue as linguas en contextos reais e significativos.
Finalmente, Pequenos xenios STEM, da Aula Hospitalaria Álvaro Cunqueiro (Vigo), favorece a motivación e a aprendizaxe significativa a través de experiencias STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) que promoven a curiosidade, creatividade, resiliencia e inclusión educativa nun contexto hospitalario. O proxecto converteuse nunha experiencia integradora, na que educación, saúde e comunidade traballan man a man para garantir que os nenos poidan desenvolver as súas capacidades, sentirse apoiados e ver recoñecido o seu esforzo.
