Os VI Premios Compromiso coa Igualdade no Rural distinguen Cos pés na terra, da TVG

xoves, 18 de decembro do 2025 S. P.

O programa da Televisión de Galicia Cos pés na terra recibiu este mércores 17 de decembro, en Ciudad Real, o Premio Compromiso coa Igualdade no Desenvolvemento Rural, na categoría de Difusión. A Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural (AFAMMER) promove estas distincións anuais, cos que recoñecen o liderado feminino, o emprendemento e a igualdade no medio rural.
Cos pés na terra, producido por Filmax, emítese desde hai máis dunha década na TVG, onde amosa homes e mulleres que elixen a vida no campo, e vivir da terra e da vida que esta lles proporciona. “Son agricultores, gandeiras, artesáns, comerciantes de madeira, hostaleiras, entre outros, que cren firmemente que hai futuro no campo”, salientan dende a produtora e máis dende a TVG, engadindo que pola súa contribución a visibilizar a vida e os proxectos desenvolvidos no rural a través do sector audiovisual, AFAMMER quixo salientar a traxectoria dun espazo que está dispoñible tamén na plataforma dixital AGalega.gal. O premio foi entregado polo alcalde de Ciudad Real. Recolleuno Susana Martínez de la Riva, xefa de Produción de Filmax.