Os blogueiros tómanlle o pulso á noite electoral norteamericana

mércores, 8 de novembro do 2006 Marcus Fernández

A pasada noite foi moi movida nos EE.UU. co gallo das eleccións lexislativas, pero este ano contaron cuns observadores de excepción: os blogueiros. Precisamente a explosión do fenómeno dos blogs na política é un tema recorrente nos últimos anos, e nos EE.UU. se fai notar moito máis que no resto do mundo, pero se para algo serven estes medios é para facer seguimentos dinámicos e diferentes ós dos medios tradicionais, polo que moitos cidadáns prefiren ver na Rede a particular visión que teñen algúns dos feitos de actualidade.
Incluso medios como a CNN decidiron abrazar esta nova dinámica, de xeito que fixeron de anfitrións para unha festa blogueira durante a noite electoral nunha cafetería en Washington D.C. Así, no Tryst os asistentes podían contar con acceso á Rede a través de Wi-Fi para poder contar o transcurso dunha noite amenizada por cafés e cervexa, de xeito que formaron un auténtico blogfest no que participaron persoeiros da blogosfera política coma Bob Cesca (do Huffington Post), Alex Pareene (de Wonkette), Jeralyn Merritt (de TalkLeft), Mike Krempasky (de Redstate), Nick Gillespie (de ReasonOnline) e incluso participantes remotos, coma Glenn Reynolds (de Instapundit.com) que se achegou vía webcast.
Resultados electorais aparte, temos así que os blogs están a marcar un antes e un despois na política, e poida que Europa viva en breve relacións semellantes (que comezan a notarse en países coma Reino Unido) polo que os vindeiros anos poden ser moi movidos tanto na blogosfera española coma no noso blogomillo.

PUBLICIDADE