Os cambios que Internet provoca na cultura, a debate en Santiago

xoves, 23 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

Co obxecto de analizar a repercusión e os cambios que Internet e as novas tecnoloxías dixitais están a provocar no mundo da cultura, o Consello da Cultura Galega xunto co Club Internacional de Prensa de Galicia organizan: Cara a unha Cultura 2.0. Xornada sobre novas tecnoloxías e creación cultural.
O acto, que se celebrará o vindeiro 28 de novembro en Santiago de Compostela, reunirá a destacados expertos galegos en materia de software libre e creación cultural e contará cun relatorio de Marcelo D´Elia Branco, un dos expertos internacionais máis salientables no desenvolvemento da Sociedade da Información.
Os relatores daranse cita no salón de actos do Consello da Cultura Galega ás 19:00 horas e primeiramente debaterán (nunha mesa redonda) sobre os cambios que Internet e o software libre crean no noso xeito de facer cultura para logo deixar paso á devandita intervención do enxeñeiro brasileiro, que afondará nas transformacións que o software libre trae ó novo escenario da Sociedade da Información.
Esta xornada é unha das actividades presenciais que se realizan en diferentes cidades do mundo -Madrid, Barcelona ou México D.F.-, enmarcadas dentro do congreso virtual Coñecemento aberto. Sociedade libre que organiza o Observatorio da Cibersociedade entre novembro e decembro; a asistencia é de balde e non precisa inscrición previa.

PUBLICIDADE