Os ecoloxistas convocan nas redes sociais un flashmob a prol do Monte Pindo
mércores, 19 de xaneiro do 2011
O Monte Pindo ten posibilidades de converterse
en Parque Natural. Así o desexan os veciños e máis as asociacións ecoloxistas,
o único que está pendente é o apoio da Xunta, básico por outra banda neste tipo
de casos. Co obxectivo de facer presión e ampliar así a protección nesta paraxe
natural da Costa da Morte (situada en Carnota), vénse de pór en marcha na Rede unha
campaña de mobilización que ten ben pouco que ver co modelo clásico de
mobilización acostumado por estas terras. Máis polo miúdo, trátase dun flashmob, que é unha cita
convocada nas redes sociais ao servizo dunha causa común, acompañada xeralmente
dunha performance en grupo. Neste
caso concreto, o flashmob vén
da man da Asociación Monte Pindo Parque Natural.
A convocatoria acompañaría á rodaxe dun
episodio do programa MOBilízate
no que está a traballar a dita asociación ecoloxista. A idea é acadar a máxima
colaboración a través das redes sociais, dándose as máximas facilitades
posibles. De feito, só é preciso imprimir nun folio o logotipo da entidade a
prol do Monte Pindo, dispoñible
en PDF, e contar cunha cámara dixital ou webcam. A partir de aí, comeza a
cadea: “Desde o lugar no que che praza,
con quen che praza e como che praza, só tes que pasar o noso logo dun lado a
outro do plano”, informan na asociación.
E explican: “É como se estando no medio dunha cadea humana imaxinaria, recibiras o
cartel pola túa dereita e llo entregases á persoa que tes á esquerda, para
poder ir unindo máis e máis colaboracións”.
As videocolaboracións (gravacións dende os emprazamentos máis senlleiros
do lugar onde vivimos, todo presentado do xeito máis orixinal posible) hai que
envialas a este enderezo: info@montepindo.org.
O prazo para as achegas remata o 31 de xaneiro. Os vídeos servirán para facer
unha montaxe final, e a partir de aí o logotipo do colectivo irá pasando de man
en man entre os amigos da entidade espallados por todo o mundo, igual que
acontecería “cun facho olímpico”,
sinalan, até rematar na Laxa da Moa, que é a zona máis alta do Monte Pindo.