Os heroes da Marvel lánzanse á batalla con aires retro

luns, 1 de decembro do 2025 Redacción

O videoxogo Marvel Cosmic Invasion recupera o espírito clásico dos beat ’em up que nos anos 90 podiamos ver nos salóns recreativos dando vida aos personaxes da Marvel, e xa está dispoñible en Steam, Nintendo Switch e Switch 2, PlayStation 5 e Xbox Series X|S a un prezo promocional de 26,99 euros. O título sitúa aos xogadores ante unha batalla estelar contra a Vaga de Aniquilación, liderada polo malvado Annihilus.
Desenvolvido por Tribute Games e publicado por Dotemu, responsables de Teenage Mutant Ninja Turtles: Shredder’s Revenge, o proxecto preséntase como unha homenaxe ás épocas douradas da narrativa e estética de Marvel. O título aposta por un estilo visual pixel art e pola mecánica de combate cooperativo, tanto local como en liña, cun sistema de intercambio instantáneo entre dúas personaxes que permite crear combinacións tácticas e espectaculares.
A listaxe de heroes dispoñibles abrangue quince figuras emblemáticas do universo Marvel. Entre os terrestres figuran Spider-Man, Wolverine (Lobezno), She-Hulk (Hulka), Capitán América, Fénix, Black Panther, Tormenta e Iron Man, mentres que no plano cósmico destacan Rocket (Mapache Cohete), Billy Raios Beta, Venom, Cosmic Ghost Rider, Nova, Phyla-Vell e Silver Surfer (Estela Plateada). Todos eles unen forzas para deter a ameaza que se estende desde as rúas de Nova York ata as profundidades da Zona Negativa.

Tráiler do xogo