Os hoteis galegos apostan polas TIC e a innovación

venres, 11 de maio do 2018 Redacción

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, clausurou hoxe en Santiago de Compostela a xornada formativa Turismo e innovación organizada pola Asociación Española de Directores de Hotel en Galicia e que contou coa presenza de numerosos profesionais do tecido hoteleiro, que debateron sobre as últimas tendencias, novidades e aplicacións tecnolóxicas relacionadas co sector do turismo.
O peche destas xornadas serviu para enxalzar o compromiso dos empresarios hoteleiros galegos coa formación en TIC e coa innovación no eido turístico nun contexto como o actual, en continuo crecemento e cambio e no que a actividade turística representa en Galicia o 11% do PIB e o 12% do emprego.
As boas cifras de ocupación que os establecementos hoteleiros galegos están a rexistrar neste arranque do ano, está a pór de manifesto como o turismo está tamén a ser quen de xerar máis postos de traballo. De feito en 2017 aumentou nun 4,6% o número de ocupados, a taxa de paro diminuíu en case dous puntos e tamén caeu a taxa de temporalidade.
Estes datos están a repercutir, ademais, nun progresivo aumento da rendibilidade e confianza entre os profesionais como demostra o feito de que sete de cada dez empresarios do sector turístico na Comunidade crean que poderán mellorar ou manter os seus beneficios neste segundo trimestre do ano, segundo a última enquisa realizada por Exceltur.
A aposta coa formación dos profesionais é tamén un compromiso que a Administración autonómica plasma na Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla que dedica unha das súas 11 liñas de traballo especificamente á profesionalización. Inclúense iniciativas para adaptar e incorporar as novas tecnoloxías aos negocios, para afondar no coñecemento dos recursos e das ferramentas de xestión, no manexo en idiomas ou para apoiar aos emprendedores, entre outras.

PUBLICIDADE