Os medios de comunicación españois apostan polo uso das ferramentas sociais

martes, 12 de xullo do 2011 Raquel Noya

A firma de comunicación integral Estudio de Comunicación, en colaboración con Servimedia, veñen de presentar un estudo sobre o uso de Internet e as ferramentas 2.0 nos medios de comunicación, que se fixo no marco do seminario Los límites de la Red, impartido durante os cursos de verán da Universidade Complutense de Madrid.
Para analizar a actividade en Internet e a web 2.0 dos principais medios de comunicación españois, o equipo analizou as páxinas web e a presenza dos 47 medios de toda España na Rede, e a principal conclusión que se extraeu foi que “o 89,3% dos medios analizados ten presenza na blogosfera e tamén que o 65,3% a ten nas redes sociais”.
A toma de datos levouse a cabo en oito grupos: xeralistas nacionais, deportivos, económicos, xeralistas locais, xeralistas de balde, cadeas de televisión, televisión local e cadeas de radio, seleccionándoos segundo os datos máis actualizados do EGM e da OJD.
Entre os medios sociais analizados atópanse Facebook, Twitter, Blogs, Audiovisual, Xing, Widget, Tuenti, Linkedin, Foros, Ventas, Flickr e aplicacións para dispositivos móbiles, sendo estes últimos, os menos destacados no informe.
Deste estudo despréndese que a maior porcentaxe de presenza en redes sociais teno a radio xeralista nacional, cun 93,75%, e os menos activos son os medios xeralistas locais e os deportivos, ámbolos dous cun 50%.
Tamén destaca o feito de que o grupo dos gratuítos é o único que acada o 100 por cento de presenza na blogosfera, e tamén o único no que tódolos medios utilizan os foros.
Alén doutras cuestións relativas ao emprego de blogs ou das vendas online, cabe salientar que os máis activos co seu Twitter corporativo xeral (sen ter en conta as subcategorías) son os deportivos, cunha media de 150.230 seguidores, e que algunhas subcategorías ou contas persoais (como é a da xornalista Ana Pastor), ten máis seguidores que o perfil xeral da cadea; neste caso en concreto, 49.450 de Ana Pastor fronte aos 23.313 que ten TVE.

PUBLICIDADE