Os nosos enxeñeiros de Telecomunicación pechan fileiras arredor do gran reto TIC do noso tempo: a ciberseguridade

martes, 12 de decembro do 2017 Fernando Sarasketa

Julio Sánchez Agrelo, decano do COETG

Este ano están a acontecer, na nosa terra, moitas cousas TIC. Unha parte importante delas teñen estreita relación co Colexio Oficial e coa Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG). Por exemplo a celebración recente da Noite Galega das Telecomunicacións. Para afondarmos no alcance deste acontecemento e nas outras accións que están a organizar as ditas entidades para conmemorar cadanseus aniversarios (os 25 anos da asociación e os 50 do colexio), falamos con Julio Sánchez Agrelo, decano do COETG e presidente da AETG. Asemade, tivemos ocasión de charlar arredor dun dos grandes retos do noso tempo, a ciberseguridade, e do papel que deben xogar nel os profesionais que representan estas entidades.

-Que representa para vostede a Noite Galega das Telecomunicacións?
-A Noite Galega das Telecomunicacións é o evento de referencia do sector TIC en Galicia a día de hoxe. Levamos xa 22 edicións celebradas e ano tras ano a nosa gala foi gañando visibilidade de forma que, tanto para os nosos colexiados e asociados como para o empresariado e a administración pública, este acto converteuse nunha cita obrigada para todos os axentes involucrados no desenvolvemento do sector TIC galego.

-Que tivo esta Noite, a 22 edición, que non tiveran as anteriores edicións, de por si significativas e importantes?
-Este ano dedicamos a Noite á ciberseguridade, tema do que aínda queda moito por falar e por facer. Quixemos dedicar esta edición do evento á ciberseguridade porque pensamos que os enxeñeiros de Telecomunicación somos os profesionais que temos que abordar este novo desafío e quixemos realizar un chamamento aos compañeiros sobre a importancia da seguridade no mundo dixital, como un dos piares básicos da economía do futuro e sobre as oportunidades profesionais que ofrece esta área de traballo para o noso colectivo.

-Na Noite Galega das Telecomunicacións falouse moito de ciberseguridade. Por que se elixiu esta cuestión? Vostede tamén comparte a opinión de que a seguridade TIC, ou mellor dito a inseguridade nas TIC, pode comprometer o futuro da revolución tecnolóxica e informativa que estamos comezando a vivir? Que podemos facer dende Galicia para cambiar o rumbo da situación?
-A facturación mundial por ciberseguridade ascendeu en 2015 a 62.540 millóns de euros e prevese que chegue a 79.292 millóns en 2018. O Observatorio Nacional de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información (ONTSI) taxou esta cantidade en España en case 600 millóns en 2014. Este organismo contabilizou máis de 530 empresas que se dedican a esta actividade ou outras semellantes ou complementarias. Este colectivo, que investiu uns 80 millóns de euros fai un par de exercicios, dá traballo a practicamente 6.000 persoas, segundo apunta o Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE).
En Galicia xa están en marcha iniciativas para formar aos nosos enxeñeiros como a da Escola de Enxeñeiros de Telecomunicación en Vigo ou a da escola de negocios dixitais, HUB, na Coruña, que preparan senllos Máster en Ciberseguridade para preparar aos nosos profesionais.

-Que destacaría dos profesionais, das entidades e das empresas premiadas nesta edición? Que é iso que teñen en común e que lles valeu o recoñecemento dos nosos profesionais da Telecomunicación?
-Os premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información constitúen, por unha banda, unha excelente plataforma para a promoción e proxección de empresas e profesionais así como para os produtos e servizos que desenvolven e por outra banda, supoñen o recoñecemento a aquelas persoas ou entidades que, ao longo da súa traxectoria profesional ou segundo os seus programas, contribuíron de forma significativa ao desenvolvemento do sector TIC galego.
Bo exemplo disto é o enxeñeiro de telecomunicación galardoado co premio Enxeñeiro do Ano 2017, Paulino González Pan, cunha exemplar traxectoria profesional e do que salientamos ademais o seu compromiso co Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia ao longo de todos estes anos.
Este ano quixemos salientar tamén o labor da administración pública na contribución á aceleración da economía dixital galega, outorgándolle a Mar Pereira, directora da AMTEGA, o título de Socia de Honra 2017 da AETG.
Empresas como Situm Technologies galardoada co premio da Fundación Enxeñeiro Gerardo García Campos ou Balidea Consulting & Programing galardoada co Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais outorgado en colaboración coa AMTEGA, desenvolveron produtos tecnolóxicos de gran calidade e cun forte potencial. Tamén tivo cabida nos nosos recoñecementos o excelente traballo de Alejandro Ramos Soto coa súa tese doutoral, premio Gradiant. Ou o enxeñeiro de telecomunicación Víctor Manuel Segura Sieiro co premio ao Mellor Expediente Académico. A madeireira FINSA foi outra das empresas protagonistas, galardoada co premio Acuntia.

Participantes na edición 2017 da Noite das Telecomunicacións de Galicia

-Cónstanos nova equipa do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación, que vostede dirixe e que comezou a súa andaina en primavera deste ano, xa está plenamente consolidada e, como se adoita dicir, co maquinaria ben engraxada. Proba diso son as actividades que están a xurdir, sen pausa, do Colexio. Que podemos ir agardando, a curto, medio e longo prazo, desta nova directiva que vostede representa?
-Os retos de cara a esta nova etapa do Colexio e da Asociación están xa moi definidos na axenda dos vindeiros meses. Temos por diante unha tarefa moi importante de consolidación do noso colectivo ante a sociedade como punto de referencia no que a servizos á cidadanía se refire.
Tamén temos xa en axenda actuacións específicas de cara a conseguir que os enxeñeiros de telecomunicación galegos estean en permanente contacto co Colexio e coa Asociación e fagan uso dos servizos que lles ofrecemos como colexiados e asociados. Canto máis unido e forte sexa o noso colectivo, de mellor forma poderemos contribuír ao progreso da sociedade dixital.

-Dicía vostede que un dos desafíos principais do Colexio é atraer novas colexiadas e colexiados. Como pensan facelo?
-Afrontaremos este reto con actuacións específicas como por exemplo a que celebramos o día 1 de decembro con motivo do 25 aniversario da AETG. Actuacións como esta, pensamos que poden servir para dar a coñecer aos telecos, o papel que xogan organizacións coma a nosa en beneficio do colectivo propio e en consecuencia de toda sociedade.

-25 anos da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e tamén 50 anos do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación. Que representa esta entidade para a sociedade?
-O Colexio, igual que a Asociación, desempeña un intenso labor de colaboración con universidades, coa administración local, autonómica e estatal, así como de empresas e axentes do sector co principal obxectivo de ser útiles e achegar os nosos coñecementos profesionais e a nosa experiencia ao conxunto da sociedade.

-Hai actividades previstas para conmemorar este fito?
-Celebramos estes 50 anos de historia, cun programa de actos e actividades entre os que destacamos a exposición itinerante da experiencia de realidade virtual inmersiva. Esta iniciativa percorre diferentes puntos da xeografía española amosando a historia das telecomunicacións e o rol fundamental dos enxeñeiros de Telecomunicación na transformación da sociedade. En Galicia realizouse concretamente no Museo Interactivo Domus da Coruña, no Museo de Pontevedra e na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo.

-O COETG forma parte do Consello Galego de Enxeñerías dende a súa fundación. Pode dicirnos para que foi creada esta entidade e cales son os seus obxectivos?
-O CGES constituíuse a principios do 2016 como organización de natureza asociativa da que forman parte os colexios profesionais de enxeñeiros presentes en Galicia correspondentes ás enxeñerías superiores que, ao igual que o COETG, están reguladas e posúen atribucións profesionais.
Os obxectivos fundamentais do CGES buscan potenciar o traballo interdisciplinar no marco da enxeñería promovendo a coordinación entre as diferentes especialidades e fomentar o desenvolvemento tecnolóxico e a súa aplicabilidade á sociedade. Complementa en certo modo os obxectivos do COETG, así como do resto de colexios profesionais que forman parte da entidade na procura de trasladar á sociedade o alcance e as achegas da enxeñería galega para o mellor desenvolvemento presente o futuro da humanidade.

PUBLICIDADE