Os periféricos para os xogos musicais de PS3 serán compatibles entre si

martes, 19 de agosto do 2008 Marcus Fernández

Os usuarios da PlayStation 3 poden respirar tranquilos ao saber que as guitarras e baterías de todos os xogos musicais da súa consola de videoxogos de alta definición serán compatibles entre si, o que sen dúbida beneficia tanto ao peto dos xogadores como ás posibilidades de mercado dos distintos xogos.
Deste xeito, as guitarras e a batería de Guitar Hero: World Tour funcionarán en Rock Band 2 e o Rock Revolution, así como tamén se poderán empregar os micrófonos de SingStar en Guitar Hero: World Tour e Rock Band 2.
Dende Sony están a esforzarse para que Guitar Hero e Rock Band sexan unhas franquicias o máis compatibles posible, para que os usuarios non teñan que elixir entre as dúas e poidan gozar de todos os xogos deste estilo que sexa posible sen ter que mercar distintos periféricos para cada un (o que non é só un problema de cartos, senón tamén de espazo e comodidade).
Os esforzos por coidar a este tipo de títulos veñen en boa medida do seu éxito, pois hai estimacións que cifran a súa cota de mercado no 19% durante o mes de xullo. Os xogos musicais serían responsables do 32% do crecemento anual do sector.

PUBLICIDADE