Os pros e contras das redes sociais para os menores, a debate na Fábrica de Oleiros

martes, 3 de abril do 2018 Redacción

Este 6 de abril, sexta feira, o Concello de Oleiros lévanos da man ás vantaxes e aos riscos do espallamento das redes sociais entre a mocidade, vantaxes e riscos que teñen relación directa co tipo de uso que se lle dea aos servizos dixitais. Trátase da xornada Redes sociais e adolescencia, que se celebra no auditorio da Fábrica ás 19.30 horas en formato de charla aberta, dirixida sobre todo ás familias. A cita fundamenta un dos seus piares no seguinte dato: as comunidades e servizos en liña son xa o lugar preferido para o lecer do 90% da mocidade. Polo tanto, tendo en conta esta elevada porcentaxe, “é fundamental que as nais e os pais teñan información para previr moitos dos problemas no futuro”, sinala o Concello.
Porén, explica a organización, o contido desta charla non é de ciberseguridade na Rede coma outras semellantes que se organizan desde os centros educativos para as familias, nin as que teñen como destinatarios/as o propio alumnado. “Esta xornada”, engade o Concello, “está enfocada ás familias, co obxectivo de coñecer os comportamentos e as relacións que manteñen os rapaces e as rapazas nesa idade, etapa fundamental no desenvolvemento e na que configuran a súa personalidade e identidade, así como as súas crenzas”.
O Goberno local tamén explica que “as redes sociais están a xogar un papel moi importante” entre as mozas e mozos, e son xa un dos elementos de socialización máis importantes para eles e elas, “polo que as familias deben coñecer de preto que hai detrás, que está a pasar nas relacións que manteñen a través desas canles, como inflúen na súa vida, no seu desenvolvemento, nas relacións entre iguais e coa súa familia”.
Logo da charla abrirase un coloquio co público asistente no que poderán realizar preguntas ás relatoras, Virginia Pañeda e Sara Vierna, educadoras especialistas en redes sociais, xénero, intelixencia emocional e adestramento educativo, que nos achegarán á realidade que están a vivir os menores de idade nestes intres nas redes.

PUBLICIDADE