Os servizos de mercadotecnia smart de BMB serán comercializados pola galega Imatia
luns, 17 de abril do 2017
A
empresa
galega Imatia asinou recentemente un acordo estratéxico coa firma
libanesa BMB para a comercialización dos produtos desta compañía
no mercado estatal. Máis polo miúdo, a alianza vai dirixida a
que Imatia adique parte do seu labor a espallar a implantar os
sistemas de BMB en materia de automatización de forza de vendas
(concepto que engloba e abrangue as ferramentas tecnolóxicas que se
usan en mercadotecnia e administración para automatizar os procesos
destas áreas e, en última instancia, para incrementar mercado co
achado de novos clientes). BMB, para quen non o saiba, é un
referente en Oriente Medio no eido de tecnoloxías para empresas.
Conta con máis de 300 empregados e é asesora profesional de máis
de 2.500 compañías de primeira liña na súa contorna.
Unha
das liñas principais de actividade é a liña Move,
especializada na devandita automatización de forza de vendas e máis
nos servizos de campo, nas solucións RFID (identificación por
radiofrecuencia moi empregadas no ámbito da rastrexabilidade de
produtos) e nas solucións de mobilidade empresarial. Para esta liña,
BMB conta cunha solución chamada iSell que axiliza as actividades
dos axentes comerciais e vencella a información fornecida por estes
co back office da empresa, proporcionando un conxunto de
ferramentas que permiten ao equipo directivo optimizar a súa toma de
decisións e mellorar a produtividade dos vendedores. Na distribución
e implantación dos recursos da liña iSell é onde entra en xogo,
precisamente, a firma galega Imatia.
O
acordo, por certo, responde ao interese da compañía libanesa por
espallar o seu radio de acción alén das súas oficinas de Líbano,
Exipto, Arabia Saudita, Xordania e Iraq. Como porta de entrada
definitiva a Europa atopou en Imatia o que os responsábeis de BMB
cualificaron de “excelente aliado”.
Segundo
informaron os representantes da firma galega logo da formalización
da alianza, “a boa reputación de Imatia dentro do sector TIC, as
nosas habilidades no desenvolvemento de software para contornas
móbiles e unha dilatada experiencia no sector loxístico e do
transporte, foron elementos fundamentais á hora de selar este
acordo”.
Fernando
Vázquez, director executivo de Imatia, salientou desta maneira a
importancia que supón para a compañía galega traballar con BMB:
“Estamos a falar dunha das maiores empresas tecnolóxicas do mundo
árabe, o cal supón unha oportunidade única de explorar un mercado
de difícil acceso para nós, pero moi atractivo polo seu potencial
de crecemento. Confiamos plenamente en poder achegar valor engadido a
iSell, non só á hora de vendelo senón para melloralo, integralo
cos sistemas dos clientes e ofrecer o soporte necesario”.