Os videoxogos poderían volver ás 3D

venres, 29 de agosto do 2008 Marcus Fernández

Usuarios probando as lentes 3D de nVIDIA

Na actualidade os estudos cinematográficos están a apostar polo 3D para ofrecer un valor engadido ás salas de exhibición co que non poida competir a piratería audiovisual, e o mundo dos videoxogos podería aproveitar o momento para avanzar na mesma dirección, e durante o evento NVISION 08 que se celebra en San José (California, EE.UU.) a xente de nVIDIA presentou a súa tecnoloxía tridimensional baseada en lentes 3D (semellantes ás que se usan en cines IMAX) que xa é compatible con xogos Spore, Call of Duty: World at War, Race Driver Grid, Devil May Cry 4 e Unreal Tournament 3, aos que engade unha percepción de profundidade que mellora a submersión nos mesmos. Para demostrar esta tecnoloxía se empregaron pantallas Mitsubishi 3D Ready 1080p DLP de 73 polgadas e Viewsonic 3D Ready 120 Hz LCD.
De todos os xeitos, parece complicado que as 3D sexan un éxito inmediato no sector dos videoxogos, posto que estas tecnoloxías xa se podían empregar hai máis de 10 anos. Sería preciso un efecto catártico coma o que xerou a Wii para que as 3D se convertan nun elemento habitual nos fogares (tanto para os xogos como para ver películas).

PUBLICIDADE