Outes lidera un proxecto europeo para crear pedagoxía adaptada á formación telemática
venres, 4 de agosto do 2023
O proxecto
europeo e-InnoEduCO2 (School science e-learning ONE HEALTH)
é un proxecto europeo de innovación educativa Erasmus + 2020 na
modalidade KA226 para o bienio 2021-2023. Liderado polo Concello de
Outes, coa dirección científica da Facultade de Ciencias da
Educación da USC, do Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e
Educación Ambiental (SEPA-interea) da USC, ten o obxectivo de
desenvolver un modelo pedagóxico STEM (Ciencia, Tecnoloxía,
Enxeñaría e Matemática) e TIC (Tecnoloxías da Información e a
Comunicación) que posibilite compensar o aumento das eivas da UE en
materia de Formación Profesional. Trátase pois de contrarrestar a
seguinte realidade: a pandemia puxo de manifesto que a maioría dos
sistemas educativos non estaban listos para a manchea de
oportunidades do ensino dixital.
O devandito farase adaptando a formación
telemática da era do COVID-19 ás necesidades curriculares de
experimentación científica. O desenvolvemento deste modelo diríxese
ao alumnado do último ciclo da ESO e Bacharelato.
O consorcio europeo e-InnoEduCO2 conta coa
participación do CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) como
principal socio tecnolóxico, así como de socios europeos de
Portugal, Polonia e Romanía: Universidade de Aveiro (Fábrica de
Ciencias Vivas) e Agrupamento de Escolas de Aveiro de Portugal, Liceo
XXVI de Lodz en Polonia de Polonia e a Universidade de Iasi en
Romanía.
Toda a informacón sobre o proxecto está
dispoñible na súa web www.innoeduco2.org.
Segundo
o profesor da USC e coordinador do proxecto, Francisco Sóñora, a
USC presentouse a este programa en dúas modalidades: a de
tecnoloxías e a de creatividade. “Na primeira competimos con
900 candidaturas en toda España e, na segunda, con 200. E nas dúas,
os nosos proxectos foron os primeiros seleccionados”, explica,
engadindo que “Outes lidera o programa no eido das tecnoloxías
como modelo de concello pequeno predisposto a colaborar coa
comunidade educativa para reducir as fendas dixitais no rural”.
Sóñora fai saber que un dos puntais do proxecto é unha plataforma
tecnolóxica para equipar con contidos e recursos didácticos aos
centros de ensino. Amais, a iniciativa pon o foco na relación entre
o medio ambiente e a saúde. Por exemplo a través do estudo das
praderías mariñas en tres tipos de ecosistemas, levado a cabo polo
alumnado participante, pertencente aos concellos de Outes e de Noia,
xunto con expertos da UVigo.