PcComponentes estréase como operador de telecomunicacións

martes, 31 de marzo do 2026 Redacción

A tenda de tecnoloxía PcComponentes deu o salto ao sector das telecomunicacións cun operador virtual con cobertura da rede de MasOrange, que destaca pola introdución dun compromiso de calidade singular: se o usuario sofre unha incidencia atribuíble ao operador que lle impida conectarse á Internet durante un mes, ese período non se factura.
PcComponentes tenta atopar o seu oco cunha oferta converxente de fibra, móbil e televisión por menos de 40 euros mensuais, incorporando ademais condicións pouco habituais como permanencias ligadas á calidade do servizo ou incentivos comerciais dentro da súa propia plataforma de venda. Dous dos tres paquetes converxentes inclúen unha permanencia de seis meses condicionada: se se producen máis de dúas incidencias imputables ao operador que impidan a conexión, a permanencia elimínase automaticamente.
O novo operador presenta opcións móbiles desde 6,90 euros ao mes ata 19,90 euros, todas con 5G, chamadas ilimitadas, compatibilidade con eSIM, datos acumulables, roaming en Zona 1 e servizos como VoLTE (aínda que sen soporte para VoWiFi). Os prezos parten dos 22,90 euros mensuais e inclúen fibra simétrica (con opcións de 300 Mbps, 600 Mbps e 1 Gbps), router Wi-Fi 6 e diferentes combinacións de liñas móbiles.
Chama a atención a recuperación dunha modalidade de 300 Mbps, unha velocidade que moitos operadores están a abandonar a pesar de seguir sendo suficiente para boa parte dos fogares. Os paquetes máis completos poden incorporar tamén televisión de pagamento, con opcións básicas ou premium que engaden contidos deportivos como a Liga Hypermotion ou canles especializadas.