Pechan os servidores de Dark Souls para PC por mor dun fallo de seguridade

luns, 24 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

Estamos afeitos a ter que parchear fallos de seguridade dos nosos sistemas para evitar ameazas informáticas e, no caso dos videoxogos, normalmente as actualizacións buscan corrixir fallos dos propios xogos, pero desta volta temos un caso moito máis preocupante, xa que Bandai Namco e From Software tiveron que anunciar que pecharon temporalmente os servidores de Dark Souls 3, Dark Souls 2 e Dark Souls: Remastered (aos que tamén se sumarían os servidores de Dark Souls: Prepare to Die Edition para PC) tras detectarse un fallo de seguridade sumamente grave.
Ao parecer, detectouse unha vulnerabilidade en Dark Souls 3 que afectaría ao resto de entregas da franquía e que facilitaría a execución remota de código, ou sexa, que un usuario malicioso podería coarse nun ordenador alleo que estivese a xogar unha das entregas de Dark Souls para roubarlle datos, instalarlle aplicacións maliciosas ou provocarlle calquera tipo de problema.
Polo momento non parece que haxa que preocuparse polas repercusións da vulnerabilidade, xa que a persoa que a notificou fíxoo de boa fe, e non se tratou da descuberta dunha vulnerabilidade explotada activamente, pero resulta imposible saber se realmente había alguén aproveitando fallos de seguridade para algo que fose máis aló que facer trampas no xogo.

PUBLICIDADE