PlayStation Plus incorpora en maio Star Wars Outlaws e Red Dead Redemption 2
mércores, 13 de maio do 2026
Sony anunciou os xogos que se incorporarán ao catálogo de PlayStation Plus Extra e Premium o vindeiro 19 de maio, cunha selección encabezada por Star Wars Outlaws, Red Dead Redemption 2, Bramble: The Mountain King e The Thaumaturge. A actualización tamén suma propostas como Flintlock: The Siege of Dawn, Broken Sword – La Leyenda de los Templarios: Reforged e Enotria: The Last Song.
Star Wars Outlaws chega a PS5 como o primeiro xogo de mundo aberto ambientado no universo de Star Wars. A aventura segue a Kay Vess, unha delincuente novata que busca abrirse paso entre sindicatos criminais mentres percorre distintos planetas da galaxia.
Tamén retorna ao servizo Red Dead Redemption 2, o western de mundo aberto de Rockstar Games. O título sitúa aos xogadores nos últimos días do Salvaxe Oeste estadounidense, seguindo a Arthur Morgan e a banda de Van der Linde na súa fuxida tras un atraco frustrado.
A versión incluída incorpora igualmente o modo multixogador Red Dead Online.
Entre as propostas máis sombrías figura Bramble: The Mountain King, unha aventura inspirada no folclore nórdico na que Olle debe rescatar á súa irmá dun trol mentres explora bosques e cavernas habitadas por criaturas hostís.
A selección de maio incorpora tamén The Thaumaturge, xogo de rol ambientado na Varsovia de comezos do século XX. O protagonista, Wiktor Szulski, emprega habilidades místicas e criaturas chamadas salutores para influír na mente doutros personaxes e participar en combates tácticos por quendas.
Flintlock: The Siege of Dawn aposta pola acción tipo soulslike cunha combinación de armas de fogo, maxia e combates contra deuses nun mundo fantástico devastado pola guerra.
Os clásicos da aventura gráfica tamén teñen presenza con Broken Sword – La Leyenda de los Templarios: Reforged, unha versión remasterizada da obra de Revolution Software que recupera a investigación de George Stobbart e Nico Collard arredor dunha conspiración vinculada aos cabaleiros templarios.
Completa a listaxe principal Enotria: The Last Song, xogo de rol de acción inspirado no folclore italiano que propón cambiar entre distintas máscaras para adquirir habilidades e estilos de combate diferentes.
Os usuarios de PlayStation Plus Premium recibirán ademais Time Crisis, adaptación do clásico arcade de disparos lanzado orixinalmente en PlayStation en 1997. Esta nova versión para PS4 e PS5 incorpora control mediante xiroscopio e contidos exclusivos da edición doméstica orixinal.
