Estamos no mes de maio e, como cada ano, a nosa cultura entra nos seus días de máxima celebración: os días de antes, durante e despois do 17 de maio, Día das Letras Galegas (adicado este ano á escritora María Victoria Moreno). Este 2 de maio houbo novidades importantes ao respecto, algunhas delas moi ligadas ás TIC e ás redes sociais, onde a nosa cultura tamén tenta botar fondas raizames. As novidades viñeron da man da cooperativa Feiraco e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que presentaron a súa campaña conxunta para celebrar as Letras Galegas 2018. Na axenda inclúense accións de dinamización da lingua como a nova entrega do certame de microrrelatos. Este desenvolverase unha vez máis a través do Facebook.
Tamén se deron a coñecer as iniciativas Practica a LEITura, as reedicións dos libriños De onde ven o leite? e a participación da cooperativa leiteira no Concurso-Exposición Letras Galegas 2017 e na V Carreira Camiño das Letras.
No acto de presentación participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o vicepresidente de CLUN e presidente de Feiraco, José Montes; a directora de Márketing de CLUN, Adalí Morales; e o director da División Láctea de CLUN, Pablo Gómez.
Segundo fixeron saber, o Certame de Microrrelatos chega á súa VII edición para “incentivar novamente a creación literaria”. Para participar e compartirmos os nosos os textos habilitouse unha aplicación no perfil Facebook/Feiracolacteos. Á categoría de sempre (destinada a persoas adultas desde os 19 anos) engádese unha categoría infantil-xuvenil (dos 13 aos 18 anos) e proponse o texto Subiu ata o faiado da casa e alí… (A festa no faiado, María Victoria Moreno) co fin de crear outra achega inédita e orixinal que non supere os 500 caracteres incluíndo os espazos.
O período de participación está aberto dende hoxe ata o 17 de maio no Facebook, onde se poden consultar as bases legais e os premios, que inclúen no caso dos primeiros senllas estadías de fin de semana no Pazo de Lestrove, por cortesía de Pousadas de Compostela, que se une como entidade colaboradora da iniciativa, incluída na programación institucional Letras Galegas 2017 da Xunta.
Practica a LEITura
No acto tamén se fixo saber que tamén se pode participar desde as redes sociais na iniciativa Practica a LEITura, unha acción en marcha desde o pasado 23 de abril que ata o 27 de maio quere animar a todos os públicos a Alimentar un Xeito de Ser desde a lectura. “A partir dun xogo de palabras”, sinalouse, “a idea é unir os bos hábitos alimentarios de consumo de leite coa práctica saudable da lectura e optar a un dos 150 exclusivos carteis vintage de Feiraco”. Quen desexe participar deberá adquirir unha caixa de leite da marca, en calquera das súas variedades, facerse seareira/o do perfil oficial en Facebook e, desde a app da promoción, subir unha fotografía do tícket de compra.
De onde vén o leite?
Amais do devandito, reedítanse dous senlleiros libriños sobre a cadea de produción do leite, dirixidos a escolares de infantil e primaria, cunha actualización de contidos para seguir ilustrando a cativada sobre os procesos de elaboración do leite desde a granxa á mesa. Os novos exemplares distribuiranse en centros educativos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, quen tamén os distribuirá na súa versión dixital desde as súas canles (entre elas, o Portal da Lingua Galega).
Para alén das iniciativas sinaladas, Feiraco tamén anunciou que colabora coa V Carreira Camiño das Letras cunha achega de produtos lácteos ás persoas participantes nesta carreira que sairá do Pico Sacro e chegará á Cidade da Cultura o 17 de maio para unir a práctica deportiva coa conmemoración do Día das Letras e co simbolismo do Camiño de Santiago.
A outra colaboración, por segundo ano, é cos premios do Concurso-Exposición Letras Galegas 2018 que a Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca para centros de ensino e cuxos proxectos gañadores chegan a case 2.000 puntos de Galicia e do exterior. Os centros que se fixeron cos galardóns deste ano, o CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo, A Coruña; e IES Gonzalo Torrente Ballester de Pontevedra, disporán de lotes de produtos lácteos de Feiraco.
