Ponteareas disporá dunha nova oficina de SmartPEME no centro da vila

mércores, 7 de febreiro do 2018 Redacción

O concello de Ponteareas vai contar cunha nova oficina de SmartPEME, máis axeitada para achegar ao meirande número de cidadáns e empresas a actividade formativa despregada por este programa de capacitación TIC para autónomos, empresarios e empresas da provincia. Así o confirmou hoxe a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quen visitou estaña mañá as instalacións locais de SmartPEME, acompañada do deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, do alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e das persoas responsábeis de dous proxectos empresariais de éxito que recibiron asesoramento por parte deste servizo da institución provincial. Como lembraremos, SmartPEME é unha rede tecnolóxico-dixital de formación e asesoramento impulsada pola Deputación de Pontevedra, con sedes operativas en Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados, Lalín e, ao longo deste ano, prevese que tamén na Estrada.
Silva, na súa estadía en Ponteareas, fixo balance dos resultados e funcionamento da oficina, “que está a realizar un traballo excepcional e que, dende a súa posta en funcionamento, realizou xa preto de 200 asesoramentos e organizou máis de 80 obradoiros sobre novas tecnoloxías nos que participaron preto de 250 persoas”. Por estes motivos, tanto a presidenta da entidade provincial como o rexedor confirmaron o inicio dos traballos para, nun prazo dun ano, impulsar a oficina co seu traslado ao centro da vila, para que sexa máis accesíbel á cidadanía.
Segundo se fixo saber no acto, a oficina de Ponteareas presta asesoramento ás comarcas do Condado e da Paradanta e, tal e como apuntou a presidenta da Deputación de Pontevedra, “Ponteareas tiña que ocupar un espazo central xa que estamos a falar dunha vila cun importante número de empresas que están, nestes momentos, iniciándose na transformación dixital”. Ao respecto, Silva salientou tamén que “SmartPEME ten por obxectivos achegar as novas tecnoloxías ás pequenas e medianas empresas para mellorar a súa competitividade, os seus beneficios, para que a actividade económica teña mellores resultados e tamén parar crear emprego”.
Pola súa banda, o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, agradeceu “o apoio da Deputación no emprendemento, na innovación e na creación de emprego, acompañando ás persoas emprendedoras na posta en marcha de iniciativas para crear emprego e actividade económica, malia á falta de competencias. Temos que crear oportunidades e apoiar as persoas que dan ese impulso cando máis o precisan”. Neste contexto, Represas manifestou que “traballaremos conxuntamente coa Deputación para situar a oficina de SmartPEME no centro da vila de Ponteareas, para que sexa máis accesíbel, e emprazala e promovela como un centro de innovación e emprendemento que queremos que estea en funcionamento nun prazo dun ano”.
Na xuntanza de hoxe tamén se lembrou que as dependencias de Ponteareas realizaron o ano pasado, con respecto a 2016, o dobre de asesoramentos mentres que o número de obradoiros e de persoas asistentes aos mesmos chegou a triplicarse.
Durante a visita á oficina de SmartPEME en Ponteareas a presidenta da Deputación reuniuse coas persoas responsábeis dos proxectos empresariais de éxito Nutre en Bio e Gaitas Eduardo Represas, que foron asesoradas pola oficina en diferentes accións relacionadas coas novas tecnoloxías.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

PUBLICIDADE