Pontevedra acolle un encontro sobre IA, investigación artística e aprendizaxe automática

venres, 27 de febreiro do 2026 S. P.

Conectar a investigación artística baseada na práctica con outras culturas investigadoras, a xestión de datos ou as novas ferramentas tecnolóxicas, como a Intelixencia Artificial (IA) é o eixo sobre o que está a xirar o encontro levado a cabo dende onte e que se estende ata hoxe na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e na Vicerreitoría do campus.
Os efectos e as aplicacións de tecnoloxías como a IA ou a aprendizaxe automática na investigación e na práctica artística son uns dos focos de análise da rede de investigación Artistic Intelligence. Responsiveness, Accessibility, Responsibility, Equity (ARTinRARE), financiada polo programa COST da Unión Europea, esta rede reúne dende onte e ata hoxe venres a 53 investigadoras e investigadores de 20 países no campus de Pontevedra e centra o seu traballo en conectar a investigación artística baseada na práctica con outras culturas investigadoras, a xestión de datos ou as novas ferramentas tecnolóxicas. Liderada polo Instituto de Investigación en Arte, Deseño e Sociedade (i2ADS) da Universidade do Porto, esta rede ten entre as integrantes do seu comité de xestión á profesora da UVigo Holga Méndez, coordinadora do encontro.
Belas Artes acollía na mañá de onte a apertura desta segunda xuntanza xeral de ARTinRARE, un proxecto que conta coa participación de máis de 200 artistas e investigadores nos seus diferentes grupos de traballo. O seu punto de partida é o concepto de artística intelixencia, termo que fai referencia “á capacidade colectiva da investigación artística baseada na práctica para xerar impacto e valor máis aló dos resultados singulares e específicos dun proxecto individual”, como sinala Méndez. A idea, engade, é que esta iniciativa permita ir máis aló das investigacións e prácticas artísticas individuais para “facer visibles diferentes xeitos de proceder”, contribuíndo á súa conexión con “todas as formas de produción de coñecemento”. A través dunha análise interdisciplinaria, engade, “esta acción coordina a aplicación de novas técnicas computacionais, como a aprendizaxe automática e a IA, á investigación baseada na práctica en todas as artes”.
Seguindo esta liña, a dita rede de traballo parte do feito de que “a investigación e a práctica artística están inmersas na vida cotiá”, de tal xeito que proxectos como ARTinRARE permiten “crear espazos para o coñecemento e a creatividade” xurdidos das comunidades locais, nun contexto marcado pola dixitalización. “Un dos nosos retos son as transformacións provocadas polas tecnoloxías dixitais na investigación baseada en prácticas artísticas”, sinalou Paulo Almeida investigador da Universidade do Porto e coordinador desta acción COST, na apertura desta xuntanza. Este acto contou tamén coas intervencións da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, e do decano de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, así como de responsables dos diferentes grupos de traballo desta rede. Tanto Lantarón como Buxán agradeceron aos responsables da rede que tivesen escollido a facultade e o campus para a segunda xuntanza xeral dun proxecto que se estende ata 2028.
Logo do acto de apertura do xoves, o programa continuou cunha conferencia do artista e investigador Michael Schwab, editor xefe do Journal for Artistic Research. O seu relatorio estivo centrado na idea de “polilocalidade”, en como a “relevancia da investigación artística non reside nos resultados específicos ou exemplos de boas prácticas, senón no tipo de operacións de coñecemento que sustenta”, sinalan desde a organización. Tras esta conferencia tivo lugar unha acción sonora, previa ao comezo dunha serie de reunións dos catro grupos de traballo desta rede, nas que se insiren as presentacións dunha serie “de proxectos e investigacións que se están desenvolvendo”, apunta Méndez.
A xornada do xoves pechouse pola tarde cunha actuación musical de Xurxo Estévez e Sunil López, no espazo O Abrigo.
Na quenda de hoxe, venres 27 de febreiro, os diferentes grupos de traballo trasladan a súa actividade á sede da Vicerreitoría do campus, pechándose este encontro cunha visita guiada á exposición: San Sebastián, corpo de beleza e dor; da que Buxán é comisario e que pode verse no Museo de Pontevedra.