Prado Rúa e Konachadas participarán no CIP nunha conversa sobre creación de contido en galego
xoves, 26 de marzo do 2026
Seguen as novidades do programa do Carballo Interplay (CIP), festival galego de contidos dixitais e webseries referente a nivel estatal. Segundo informou a organización, incorporáronse á programación da súa 13ª edición dúas novas actividades centradas na creación de contido en galego e na reflexión crítica sobre o uso das redes sociais: a conversa Sobrevivir en galego nas redes sociais, con Prado Rúa e Konachadas, e o obradoiro Radicalmente online - Activismo en redes sociais, impartido por Marina G. Canedo.
As dúas propostas, de entrada libre, celebraranse o xoves 16 de abril no Mercado de Carballo e contarán coa asistencia de máis de 350 alumnas e alumnos de centros de ensino de Carballo, Malpica, Cambre, A Coruña e Oleiros.
A primeira das citas será Sobrevivir en galego nas redes sociais, ás 11.00 horas, unha conversa entre Prado Rúa e Konachadas arredor da experiencia de crear contido na lingua propia nun contexto marcado polos algoritmos, o hate, as oportunidades de visibilidade e a relación co público. A sesión abordará, desde unha perspectiva directa e próxima, algúns dos condicionantes que atravesan hoxe a presenza do galego nas plataformas dixitais.
Prado Rúa é un proxecto nacido en 2020 da man dunha creadora que atopou nas redes un espazo para compartir cultura, humor e tendencias desde unha identidade galega propia. Pola súa banda, Konachadas é o proxecto persoal de Nuria Grandío, profesional da creatividade e da publicidade, recoñecido en 2025 co premio Youtubeiras+ á Creación de Contido.
A organización do CIP lembra que esta actividade enmárcase nun contexto no que a presenza do galego entre a infancia e a mocidade continúa a retroceder. Recorda que “segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística, só o 16,2% das nenas e nenos de entre 5 e 14 anos fala habitualmente galego, mentres que case un terzo das persoas menores de 15 anos declara non sabelo falar ou falalo pouco ou nada”. Neste escenario, sinala o CIP, “o apoio á creación e ao consumo de contido dixital en galego convértese nunha ferramenta relevante para a visibilización e a normalización da lingua entre as novas xeracións”.
O Carballo Interplay vén desenvolvendo nos últimos anos un labor continuado de apoio, difusión e recoñecemento ao ecosistema galegofalante na Rede, tamén a través dos seus premios ao Mellor Creador ou Creadora, á Mellor Canle e do Premio á Produción de Contido Dixital en Galego.
A continuación, ás 12.00 horas, celebrarase o obradoiro Radicalmente online – Activismo en redes sociais, impartido por Marina G. Canedo, creadora e estratega en teta&teta e referente en comunicación política e cultura dixital. A actividade analizará como funcionan hoxe a cultura, os medios e o discurso político nas redes sociais, e ofrecerá ao alumnado ferramentas para identificar cando unha mensaxe busca xerar un cambio real e cando queda só na aparencia ou no uso superficial de determinadas causas. Así, abordaranse conceptos como o greenwashing, o pinkwashing ou o activismo performativo, ao tempo que se proporá unha reflexión sobre como empregar as plataformas desde a conciencia social, o pensamento crítico e a responsabilidade.
