Presentado en Vigo o proxecto LitterDrone para achar lixo mariño con vehículos non tripulados

venres, 24 de febreiro do 2017 Redacción

Os investigadores da Universidade de Vigo queren solucionar problemas reais e concretos da nosa contorna coas súas tecnoloxías de picosatélites e vehículos aéreos non tripulados. Se hai uns días falabamos do proxecto Fire-RS destinado a facilitar a localización de lumes con drons e satélites, esta semana a Universidade forneceu máis información sobre LitterDrone, que é unha iniciativa encamiñada a tirar proveito dos UAV (vehículos aéreos non tripulados, polas súas siglas en inglés) para a detección de lixo mariño. De LitterDrone falamos recentemente en Código Cero para salientar que concorre na convocatoria europea BlueLabs e que está liderado pola Universidade galega. Concorren nel dous grupos da institución educativa viguesa xunto coa Asociación Española de Basura Marina e Grafinta SL, unha empresa de material topográfico, incluíndo UAV.
O obxectivo do proxecto, cun orzamento total de 392.657 euros e dous anos de duración, “é aplicar tecnoloxías actuais, como a obtención de imaxes dende drons e procesado dixital das mesmas, para axudar ao control e limpeza do lixo nas costas”, explicou hai uns días o profesor Fernando Martín. Por parte da institución viguesa participan o Grupo de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual e o Grupo I-markt.
O proxecto LitterDrone foi presentado este xoves na EE de Telecomunicación. Segundo se fixo saber, a iniciativa ten dous anos de duración e un orzamento total de 392.657€, do que a Unión Europea achega 312.998€. Pilar Zorzo, da Asociación Española de Basuras Marinas, foi a encargada de achegar unha visión xeral do proxecto, que xorde da loita por conseguir “un mar ceibe de refugallos”, entendendo estes como restos sólidos e manufacturados que acaban en zonas costeiras, é dicir, “que son froito da actividade humana”.
Zorzo explicou que a clave neste proceso “é saber que son, as cantidades que hai de cada cousa e onde están os restos”, non só para proceder a retiralos, senón tamén para coñecer a procedencia deses restos e emprender “medidas de xestión para previr a súa xeración”. O miolo da cuestión reside “na caracterización do lixo” e, con este proxecto tratarase de facer un seguimento dos refugallos dun xeito automatizado, para o que se empregarán drons equipados con cámaras dixitais. Esta é a parte da que se encargará a empresa Grafinta, que realizará varias fases de proba, en Huete (Madrid) e nas Illas Cíes.
Estes voos servirán para testar e elixir o tipo de avión e de cámara que se empregarán na segunda fase. Os expertos testarán un avión de á fixa que voará a 100 metros de altura probando a eficacia dunha cámara visíbel, unha multiespectral e outra térmica. A proba repetirase cun avión multirrotor que tomará as imaxes entre 10 e 15 metros de altura. A partir dos datos obtidos decidirase que cámara e que dron empregar na segunda parte do proxecto. As imaxes que se obteñan a partir dese momento serán remitidas ao grupo de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual, que deseñará un software con capacidade para identificar “os obxectos estraños das imaxes e de caracterizar de que tipo de resto se trata baseándonos nas diferentes compoñentes espectrais (lonxitudes de onda) da luz que se reflicten en cada tipo de lixo”, explicou Fernando Martín.
O resultado final “debería ser unha ou varias ferramentas software que permitan detectar os diferentes tipos de refugallo: plástico, hidrocarburo...”. Nesta última parte é na que se implicaría o grupo I-markt, que realizará un estudo dos posíbeis servizos e/ou modelos de negocio que poden xurdir para explotar a tecnoloxía desenvolvida, segundo salientou a investigadora Carmen Otero.
Os responsábeis do proxecto agardan que este verán comece a fase de desenvolvemento das aplicacións definitivas e que a etapa de validación e deputación das mesmas arranque un ano despois, en xullo de 2018, concluíndo o proxecto coa fase de mercado en xaneiro de 2019.

PUBLICIDADE