Presentan a localización ao galego das principais aplicacións informáticas de Microsoft

xoves, 24 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

Rubén Riós conduciu o evento dun xeito tan correcto coma divertido

Ás 19:00 horas botou a andar no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago de Compostela o acto de presentación da campaña Vive en galego a tecnoloxía, co que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e Microsoft buscan difundir na sociedade as últimas ferramentas tecnolóxicas dispoñibles na nosa lingua, concretamente os paquetes de idioma que achegan o galego Windows 7, Office 2010, Microsoft Dynamics CRM 2011 e 4.0 e SharePoint Foundation/Server 2010. Os devanditos paquetes de idioma están xa dispoñibles para a súa descarga dende a páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística e na sección da web de Microsoft dedicada á nosa lingua.

Susana Seivane puxo amenizou a presentación coa súa música

O acto desta tarde contou coma condutor de luxo co actor Rubén Riós, que soubo manter o dinamismo do evento con soltura e bo sentido do humor, participando tamén nun vídeo que puido verse no CGAC e no que se ilustraba cómo é posible vivir en galego a tecnoloxía, posto que as ferramentas informáticas máis habituais xa están dispoñibles na nosa lingua, facilitando o uso destas solucións para as nosas comunicacións persoais e no noso día a día (destacando a posibilidade de integrar con normalidade o galego no traballo).
Para abrir e pechar o evento, a gaiteira Susana Seivane deleitou aos asistentes coa súa música, que tamén quixo empregarse coma exemplo da cultura galega á vez que para amenizar a velada, dándolle un aire de festa, para fuxir así da formalidade da meirande parte das presentacións nas que habitualmente participan os nosos políticos, deixando así claro que a localización do software á nosa lingua é motivo de celebración, aínda que agora cómpre darlle difusión a tal feito, para que os usuarios configuren as súas ferramentas informáticas en galego.


Vídeo amosado na presentación no que participan Rubén Riós e Susana Seivana para ilustrar o uso diario da tecnoloxía en galego

O encontro puido seguirse dende 20 países, o que escenificouse mediante varias videoconferencias con galegos espallados polo mundo

Pero non só os presentes puideron ver a presentación da galeguización dos produtos de Microsoft, senón que durante o evento insistiuse en que había público de 20 países seguindo o acto a través da Internet, o que tivo unha escenificación coa realización de varias videoconferencias con galegos espallados polo mundo (ao que seguiu unha incidencia co xornalista Arturo Lezcano, co que non foi posible comunicarse axeitadamente, dando lugar a unha divertida situación). Os asistentes remotos puideron conversar con co secretario xeral de Política Lingüística e Rubén Riós, para comentar o avance da nosa lingua na tecnoloxía coma algo positivo ao que daban a benvida dende a morriña que crea a distancia.

Montserrat Pardo, enmarcou a presentación como unha iniciativa en prol da cultura galega

Para representar a Microsoft neste evento festivo, visitounos a xerente de Relacións Institucionais de Microsoft, Monserrat Pardo, quen comezou destacando o valor da cultura galega (procurando incluso falar en galego), e asegurou que a súa compañía está a favor de fomentar a diversidade cultural e protexer as distintas linguas oficiais, destacando tamén que «Windows 7, Office 2010, SharePoint 2010 e Microsoft Dynamics CRM achégannos unhas novas experiencias enriquecedoras cos sistemas de información, e á súa vez contribúen a mellorar a nosa produtividade», á vez que defendeu a liberdade dos usuarios na «elección da lingua na que queren estudar, traballar e vivir. Dende agora todos os cidadáns de Galicia poden gozar da tecnoloxía máis innovadora en galego».

O secretario xeral de Política Lingüística reivindicou a importancia de que o noso contorno tecnolóxico estea tamén en galego

Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, comentou que «para as empresas que crean tecnoloxía xa non é posible mirar para o mercado de Galicia sen mirar para o galego e, por suposto, é impensable falar de vitalidade lingüística sen que a nosa lingua estea no carro da innovación tecnolóxica», o que considera que debe de ser «a nosa aposta colectiva, de empresas, institucións e cidadáns». Lorenzo destacou que «os galegos e galegas temos que amosar que nos importa que noso contorno tecnolóxico de traballo, de lecer, de relación social estea tamén en galego, nunha continuidade natural cos usos habituais que temos nas nosas relacións cotiás».

Xesús Vázquez, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, avogou polo avance conxunto das TIC e o galego

Pechou as intervencións formais o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, que tivo a ben incidir en que «a incorporación da lingua galega ás novas tecnoloxías e, particularmente, aos programas de maior uso social destinados ao desenvolvemento profesional e á comunicación en tempo de lecer, constitúe un obxectivo prioritario para a difusión do galego na sociedade» e para que «galego e novas tecnoloxías sigan crecendo xuntos», mensaxe coa que parecían coincidir os asistentes, entre os que había unha ampla representación dos sectores da lingua e a cultura galegas e das Tecnoloxías da Información e a Comunicación.

Fernándo Suárez, presidente do CPEIG; Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios; e Rafael Valcarce, presidente do Clúster TIC, foron algúns dos asistentes ao acto que tivo lugar no CGAC
Integrantes da Real Academia Galega tamén asistiron á presentación das ferramentas de Microsoft en galego
Distintos representantes políticos e do sector TIC acudiron ao acto de presentación da campaña Vivir en galego a tecnoloxía

PUBLICIDADE