Presentan en ENISE o novo Instituto Nacional de Ciberseguridade
martes, 28 de outubro do 2014
Esta mañá presentouse a
nova faciana do INTECO, o Instituto Nacional das Tecnoloxías da
Comunicación. En realidade, o
que se deu a coñecer foi o INCIBE, que é a entidade que vai
recoller a testemuña deixada polo INTECO, unha denominación que se
suprime do panorama da información pública (de feito todas as
ligazóns propias do INTECO levan xa, na Rede, directamente ao
INCIBE). A nova entidade (Instituto Nacional de Ciberseguridade) está
adscrita tamén ao Ministerio de Industria e ten a súa sede en León.
A presentación celebrouse no marco do encontro ENISE, no
que participa activamente o centro galego Gradiant.
Segundo se fixo saber, o
xurdir da nova entidade responde, ao igual que o seu propio nome, a
un interese crecente pola ciberseguridade, “un asunto de máxima
prioridade nacional e no que INCIBE terá unha focalización
específica”. A nova institución, engadiuse, responde o compromiso
incluído na Axenda Dixital para España de converter ao anterior
INTECO en centro de referencia en tecnoloxías, recursos e achados de
protección TIC. En palabras de Víctor Calvo-Sotelo, secretario de
Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, a
creación de INCIBE responde a un “exercicio de reflexión
estratéxica cuxos resultados son un cambio de denominación e a
consecución dunha imaxe íntegra, coherente, rigorosa e agardada coa
ciberseguridade como leit motiv presente e futuro?”.