Preséntase a primeira edición de The Exponential Fellowship

mércores, 5 de xuño do 2024 Redacción

A Fundación Barrié e a Asociación The Exponential Fellowship asinaron hoxe un convenio de colaboración para o desenvolvemento da 1ª edición do programa The Exponential Fellowship, que ten por obxecto proporcionar a un máximo de 6 titulados universitarios a oportunidade de adquirir experiencia profesional como enxeñeiros de software de nivel inicial en startups de alto crecemento nos Estados Unidos durante 12-18 meses.
Ao acto de sinatura do convenio acudiron a directora da Fundación Barrié, Carmen Arias Romero, o presidente da Asociación The Exponential Fellowship e bolseiro de posgrao da Fundación, Ignacio Moreno Pubul e o vicepresidente da Asociación, Domènec Melé Casas.
O obxectivo do programa é conectar o talento galego con focos mundiais de emprendemento e innovación (como Silicon Valley ou Nova York) proporcionando experiencias nun entorno creativo e colaborativo que permitan á próxima xeración de emprendedores enfrontarse a desafíos, explorar oportunidades e inspirarse en historias de éxito.
En palabras de Carmen Arias, directora da Fundación Barrié, «con este programa, a Fundación cumpre un dobre obxectivo: por un lado, contribuír ao desenvolvemento do talento galego e, por outro, fomentar a implicación dos seus antigos bolseiros co desenvolvemento de Galicia»”
O presidente da Asociación, Ignacio Moreno, apuntou que «a calidade do talento que temos en Galicia e en España é impresionante e queremos que teña as oportunidades que merece. O noso obxectivo é levar este talento aos epicentros de innovación mundiais, para que eleven as súas aspiracións e se formen para construír o futuro do software en España”.

Proxectos emprendedores participantes

As startups participantes nesta 1ª edición, ás que se irán sumando progresivamente máis empresas de referencia son:
– Antimetal: Fundada en Nova York en 2022, Antimetal é un provedor cloud de optimización de custos que axuda ás empresas a maximizar os seus aforros con intelixencia artificial.
– BlockTower: Fundada en Nova York en 2020, BlockTower é unha organización dedicada ao investimento en tecnoloxía blockchain e outras startups en fase temperá.
– Clay: Fundada en 2017, Nova York, Clay desenvolve un software que permite deseñar e escalar campañas de vendas enriquecidas con datos.
– Freepik: Fundada en 2010 en Málaga, Freepik é unha das empresas líderes en recursos audiovisuais e fotográficos para deseñadores. Está apostando fortemente pola IA xerativa.
– Happyrobot: Fundada en 2022 en San Francisco, Happyrobot ofrece solucións de voz mediante a aplicación de IA, co obxectivo de establecer unha conexión o máis humana posible cos clientes.
– Krea: Fundada en 2022 en San Francisco, Krea ofrece unha ferramenta profesional de deseño gráfico controlada con intelixencia artificial xerativa.
– Pumpkinseed: Fundada en 2022 en San Francisco, Pumpkinseed combina fotónica do silicio e machine learning coa bioquímica para a secuenciación de proteínas.
– Stack AI: Fundada en 2022, San Francisco, Stack AI ofrece unha plataforma de automatización de fluxos de traballo con IA.
Os fundadores teñen un longo percorrido no mundo do emprendemento tecnolóxico e están enfocados en formar á próxima xeración, polo que a bolsa ofrece un entorno idóneo para afondar no sector, construír unha potente rede de contactos e experimentar un crecemento profesional exponencial.

A convocatoria

Domènec Melé afondou nos detalles desta convocatoria

A convocatoria está dirixida a titulados universitarios con nacionalidade española e vinculados a Galicia en disciplinas técnicas, tales como: Estatística, Enxeñaría aeronáutica, Intelixencia artificial, Enxeñaría civil, Enxeñaría eléctrica, Enxeñaría electrónica, Enxeñaría de datos, Enxeñaría industrial, Enxeñaría informática, Enxeñaría mecánica, Enxeñaría mecatrónica, Enxeñaría de sistemas, Enxeñaría de software, Enxeñaría de telecomunicacións eMatemáticas.
Os candidatos seleccionados serán contratados como enxeñeiros de software de nivel inicial, durante 12-18 meses. A remuneración bruta anual oscila entre os 80.000 e os 150.000 dólares. Ademais, a dotación económica da bolsa inclúe, entre outros, os seguintes conceptos: asignación monetaria por importe de 1.500 euros en concepto de viaxe, tramitación do visado J-1 e seguro médico.
Entre os beneficios do programa, atópase a inmersión total no sector do emprendemento tecnolóxico internacional, o asesoramento e acompañamento por parte dunha rede de mentores e profesionais expertos do sector, e o acceso a unha comunidade activa que promove a colaboración, o intercambio de ideas e o soporte entre os seus membros a través de eventos, seminarios e encontros de networking.
Os interesados en participar no programa poden presentar solicitudes sen prazo determinado, aceptándose de xeito continuo durante todo o ano, ata cubrir as prazas convocadas. O período previo de contratación será de entre 3 meses e un ano.

David Bonilla explicou no acto celebrado na Fundación Barrié as vantaxes que supón poder acudir presencialmente aos EE.UU. para avanzar profesionalmente no sector tecnolóxico

PUBLICIDADE