Preto de 3.000 persoas formáronse en novas tecnoloxías da man da Deputación de Lugo
mércores, 11 de marzo do 2026
O responsable de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera Capón, entregou este mércores 11 de marzo, en Abadín, os diplomas acreditativos aos participantes que veñen de completar algunha das accións formativas que se desenvolveron neste concello no marco do programa provincial E para dixitalizarse, Lugo.
A través desta iniciativa, que a institución provincial puxo en marcha nos concellos de menos de 5.000 habitantes, realizáronse máis de 400 obradoiros gratuítos e presenciais relacionados coas novas tecnoloxías.
Rivera Capón entregou os recoñecementos aos alumnos e alumnas do colexio Aquilino Iglesia Alvariño, que se formaron no uso seguro e consciente de Internet, no manexo correcto das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación); e en ciberseguridade, acoso e estafas en liña. Logo o deputado achegouse ata o CEIP de Moncelos para entregar os diplomas aos adultos e adultas que aprenderon sobre o uso do teléfono móbil grazas a este programa.
Asegurou Pablo Rivera que “o que pretendemos desde a institución provincial con esta iniciativa é reducir a fenda dixital entre a veciñanza e fomentar a inclusión no territorio”. Recalcou ademais que “neste proxecto, que comezou en setembro e rematará o vindeiro 20 de marzo, participaron unhas 3.000 persoas de diferentes idades e colectivos”.
E para dixitalizarse, Lugo financiouse con 750.000 euros de fondos europeos captados pola institución provincial ao abeiro do Reto Rural Dixital, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea. As formacións deseñáronse co obxectivo de que os participantes adquiriran ou mellorasen coñecementos sobre o uso do ordenador; a Chave 365; a sinatura dixital ou a sede electrónica das administracións. Ademais, tamén se impartiron obradoiros sobre a banca electrónica; o uso seguro de Internet; plataformas de alimentación, deporte e vida saudable.
