Preto dun milleiro de vivendas de Sobradelo (en Vilagarcía) benefícianse da fibra óptica grazas ao Plan ÚNICO
mércores, 24 de decembro do 2025
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e o subdelegado do Goberno na provincia de Pontevedra, Abel Losada, visitaron a semana pasada o núcleo de Sobradelo, que se viu beneficiado da actividade do Plan ÚNICO do Goberno para estender a fibra óptica entre a poboación, e, tamén, da implicación da operadora galega Rede Aberta. Segundo lembraron, arredor de 900 vivendas accederon a este servizo. Só na provincia de Pontevedra, os fogares beneficiados foron 63.500 cun investimento de vinte millóns de euros.
Foi o presidente da asociación veciñal Outeiro, Anxo Lúa, quen explicou “a complicada situación na que estaba a parroquia cando a empresa Telefónica renunciou a seguir cos traballos que xa tiña adxudicados”. Así as cousas, dixo, “uns veciños tiveron acceso á fibra, mentres que outros, que viven xusto enfronte, non”. O xeito de solucionalo, dixo, foi contactar co Concello e Subdelegación do Goberno, a quen Lúa agradeceu “a súa disposición”, ao igual que á operadora Rede Aberta, pola súa implicación “en seguir adiante co proxecto”.
Nesta mesma idea incidiu o subdelegado Abel Losada, quen subliñou “a importancia da colaboración veciñal e entre institucións para levar adiante un proxecto que o Goberno de España considera esencial en termos económicos e sociais”.
Segundo dixo, grazas ao Plan Único puido chegarse xa ao 90 por centro da cobertura do territorio onde non é doado facelo por razóns orográficas ou demográficas. Para aqueles lugares onde é practicamente imposible chegar, Losada lembrou que “existe a alternativa que ofrece o Goberno a través da empresa pública Hispasat, con conexión vía satélite por so 35 euros ao mes”. Con Plan Único, 63.500 fogares da provincia puideron acceder a Internet cunha velocidade de 100 Mbps. O investimento ata agora supera os vinte millóns de euros. O subdelegado mostrou a súa seguridade de “que o plan, co mesmo nome ou outro, terá novas fases de desenvolvemento”.
Pola súa banda, o alcalde agradeceu aos veciños e especificamente á xunta directiva da asociación o seu traballo para “localizar a todos os propietarios e lograr os permisos necesarios”.
Salientou tamén a disposición da empresa Rede Aberta, “sempre atenta a resolver calquera problema para lograr o obxectivo”, e agradeceu ao subdelegado do Goberno “por estar sempre atento a calquera demanda que chega dende Vilagarcía”. Alberto Varela lembrou que grazas a esa colaboración entre veciñanza, institucións e empresas, nos últimos anos 900 vivendas do municipio, xeralmente situadas nas zonas rurais, foron quen de dispoñer de fibra óptica. Por esta razón, animou aos veciños das demais parroquias a amosar o mesmo espírito de colaboración que os de Sobradelo. O rexedor puxo tamén ao Plan ÚNICO como “un magnífico exemplo da boa utilización dos fondos europeos para resolver os problemas dos galegos no seu día a día”.
