Prime Video integrará publicidade en 2024
martes, 26 de decembro do 2023
Os usuarios estadounidenses
de Amazon están a recibir unha mensaxe na que se lles informa dun importante
cambio na experiencia de Prime Video, plataforma de vídeo baixo demanda que a partir do 29
de xaneiro incluirá publicidade para os seus actuais clientes agás que
prefiran evitar os anuncios incrementando a súa cota mensual en 2,99 dólares.
Este cambio de Prime Video xa se anunciara o pasado mes de setembro, indicándose
que a primeiros de 2024 a publicidade chegaría ao servizo en EE.UU., Canadá,
Reino Unido e Alemaña, estando previsto que máis
adiante chegase aos usuarios en Francia, México, Italia, Australia e España.
Deste xeito Prime Video seguiría os
pasos de Netflix e Disney+
á hora de potenciar os plans de subscrición básicos con publicidade, que
estarían a resultar máis rendibles para as plataformas que as subscricións de
pagamento puras.