Principia unha nova promoción de dominios .gal co gallo do Día do Libro

venres, 20 de abril do 2018 Redacción

PuntoGal, o dominio galego en internet, presentou hoxe en Ferrol unha campaña especial para celebrar o Día do Libro en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Federación de Librarías de Galicia e o IES de Leixa. Cinco alumnos deste centro educativo deseñaron e asinan cinco orixinais marcadores onde animan a ler. Para axudar neste empeño, cada marcapáxinas inclúe un código que rebaixa o prezo dun dominio .gal a tan só 15 € + IVE. PuntoGal distribuirá arredor de 12.000 destes deseños nas feiras do libro e nas librarías galegas.
Arredor de vinte estudiantes do IES fixeron as súas propostas para animar á lectura, dos que PuntoGal seleccionou cinco modelos finalistas. As 12.000 copias que se distribuirán en todas as feiras do libro de Galicia e en case duascentas librarías por todo o país incorporan, en forma de código, a posibilidade de obter un dominio .gal por só 15€. Desta maneira, únese nunha mesma acción a lectura e internet , fórmula elixida polos organizadores para celebrar este Día do Libro. Ata fin de existencias, os compradores recibirán un marcapáxinas con cada exemplar adquirido nos establecementos sumados á iniciativa.
A promoción comeza o 23 de abril e estará activa até o 31 de agosto. Os códigos poden validarse en calquera das dúas empresas rexistradoras que participan: Dinahosting e CDmon. Toda a información pódese atopar na web do dominio .gal.
No acto de presentación, celebrado no IES Leixa, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, sinalou que «unir o libro e os dominios .gal de Internet é xuntar nun mesmo proxecto dous dos axentes máis importantes da cultura galega e en galego, un de tan longa tradición como prometedor futuro e outro que representa a innovación e a extensión da nosa lingua aos novos espazos de comunicación xurdidos nas últimas décadas».

Algúns dos deseños dos marcapáxinas que se distribuirán este ano

O director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, enmarcou esta iniciativa na aposta da entidade por «involucrarse de maneira decidida en actividades relacionadas coa lingua, a cultura e a tecnoloxía en Galicia, as tres almas do dominio». Dese plan forman parte iniciativas como «o recente e moi exitoso concurso de relatos en colaboración coa Real Academia Galega ou a participación en Culturgal», á que agora se suma «un proxecto no que axudamos a divulgar a creatividade dos estudantes dun centro público animando a practicar unha das mellores actividades que calquera de nós pode facer: ler un libro». Janeiro, quen remarcou que o número de dominios rexistrados xa superou os 4.800, fixo fincapé na oferta asociada aos marcapáxinas que «permite ter un dominio .gal a un prezo moi atractivo». Finalmente, o director xeral do dominio felicitou ós autores dos marcapáxinas, finalistas e presentados, pola calidade dos traballos, «onde xa se pode apreciar unha combinación prometedora de creatividade e técnicas profesionais».
O vicepresidente da Federación de Librarías tamén participou nesta presentación na que a directora do IES Leixa fixo de anfitriona do acto.
Os cinco marcapáxinas seleccionados, que poden descargase xunto co resto dos presentados polos estudantes na web de PuntoGal, son da autoría de Julio Santiso Barreiro, Aida Bao Estévez, Tamara Álvarez Castro, Natalia Romero Díaz e Borja Rey Estévez.

PUBLICIDADE