Propoñen a creación dunha entidade de xestión de exencións do canon dos CD e DVD
xoves, 9 de novembro do 2006
O SIMO serviu como punto de encontro para debater sobre o canon dixital nunha mesa redonda na que participaron Enrique Dans (Instituto de Empresa), Víctor Domingo (Asociación de Internautas), Javier Pagés (Asociación de Ingenieros en Informática), Miguel Pérez (Asociación de Usuarios de Internet) e Miguel Errasti (ANEI), que pediron alternativas ó sistema actual, que consideraron inxusto, para o que propuxeron a creación dunha entidade que poida xestionar as posibles exencións ó canon (como pode ser o caso dos soportes para a gravación de contido propio) xa que na actualidade a aplicación do canon é indiscriminada.
Víctor Domingo comentou que se leva traballando nesta idea dende hai un mes, e que xa parecen apoiala a AUI, AEDOCdigital ou AER, agardándose a adhesión tamén de ASTEL, polo que a nova entidade podería ter importantes impulsores que a converterían nunha realidade.
Para ilustrar a inxusta situación actual, Javier Pagés (AI2) indicou a casuística do software, que non é un “ben cultural” polo que non reciben compensación das copias e, ademais, teñen que pagar polos seus soportes virxes (ou sexa, que estarían dobremente prexudicados) e Miguel Pérez (AUI) propuxo que o canon se aplique ós orixinais (medida defendida durante moito tempo, e que eliminaría boa parte da problemática para os usuarios, pero é unha medida que non agrada ás entidades de xestión actuais, porque gravaría os produtos que comercializan os seus representados, e non os de empresas alleas que teñen grandes problemas competitivos por mor dun incremento nos prezos que chega a triplicar o prezo dos soportes ópticos).
Tamén foi ilustrativo o argumento de Miguel Errasti (ANEI) que acusou ás entidades de xestión de dereitos de “rexeitar os medios tecnolóxicos de control de dereitos porque non queren que os seus ingresos se axusten á produción real da industria da cultura” e incluso poderían intentar gravar co canon ás conexións de banda larga ou ós discos duros, o que podería supor un duro golpe para o sector tecnolóxico.
