PuntoGal e a Asociación Galega de Fútbol Gaélico amplían a súa colaboración por oitavo ano

martes, 24 de marzo do 2026 S. P.

A Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) e PuntoGal renovaron por oitavo ano consecutivo o seu convenio de colaboración, reforzando unha alianza que ten como obxectivo “promover o desenvolvemento e a difusión do fútbol gaélico en Galicia”. Segundo explicaron as dúas entidades, “a relevancia da colaboración reflíctese na presenza da marca do dominio na parte frontal das camisolas da equipación das seleccións de fútbol gaélico, como patrocinador principal”.
Grazas a este acordo, PuntoGal continuará apoiando diferentes iniciativas impulsadas pola asociación, entre elas o programa Gaélico Escolas PuntoGal, unha proposta de promoción deportiva que leva este deporte a centros educativos de todo o país a través de actividades de iniciación, obradoiros e encontros escolares.
O dominio axuda tamén no mantemento da web do proxecto, que se pode consultar en gaelicoescolas.gal.
Indican que este proxecto experimentou un importante crecemento nos últimos anos e acadou cifras récord de participación, superando os 3.000 nenos e nenas participantes nas súas actividades e contribuíndo a dar a coñecer o fútbol gaélico entre a mocidade galega.
O convenio tamén serve de apoio ao conxunto da actividade deportiva da asociación, incluíndo as competicións autonómicas, torneos de promoción e outras iniciativas orientadas a fortalecer a presenza deste deporte en Galicia, onde continúa a consolidarse cun número crecente de clubs e persoas federadas.
Engaden que a actividade do fútbol gaélico galego conta neste 2026 “cun calendario intenso tanto no ámbito formativo como competitivo”. No programa de escolas destaca a celebración, o 2 de maio en Maastricht, da quinta edición da Feile, o Campionato de Europa cadete sub-15, no que participarán equipos de países como Francia ou Alemaña, ademais do representante galego, que sairá do gañador da Copa Galega. No mes de xuño celebraranse tamén os torneos de fin de curso das escolas, previsiblemente nas comarcas de Compostela, Vigo, Ourense e Lugo. Xa o 27 de xuño terá lugar a primeira Celtic Cup sub-17, cun total de nove equipos confirmados e presenza de clubs de Irlanda e Inglaterra, mentres que o 5 de setembro varios conxuntos galegos participarán no prestixioso Birmingham International Tournament sub-17, torneo cuxos organizadores visitarán previamente Galicia con motivo da Celtic Cup.
Pola súa banda, a selección galega continuará consolidando a súa presenza internacional tras participar o 28 de febreiro no histórico Torneo Internacional da Haia, o convidacional máis antigo e prestixioso da Europa continental. O calendario competitivo continuará o 14 de marzo coa cuarta edición da Celtic Cup en Compostela, que medra ata nove equipos masculinos e seis femininos e contará coa cobertura das finais por agalega.gal.
De cara ao verán, Galicia disputará o 27 de xuño un amigable de preparación antes de competir nos World Games, que se celebrarán entre o 13 e o 17 de xullo en Waterford (Irlanda) en formato 9x9, cun total de catro equipos galegos en competición, dous masculinos e dous femininos entre categorías championship e de desenvolvemento. A tempada completarase co posible convite ao Torneo Internacional de Madrid no mes de outubro, mentres que no ámbito de clubs destacan a Copa Galega o 25 de abril en Ribeira, as finais das ligas galegas a comezos de maio, a final do Campionato Ibérico e o inicio da Liga Galega 2026/27 no mes de outubro.