PuntoGal promove a divulgación da colección téxtil do Museo do Pobo Galego

luns, 10 de xuño do 2024 S. P.

PuntoGal, o dominio galego en Internet, presentou este luns 10 en Ferrol o resultado do concurso de deseños inspirados polos traxes da colección do Museo do pobo galego, unha actividade desenvolvida entre os estudantes do CIFP Leixa de Ferrol co obxectivo de crear distintos modelos de monecas de papel, inspiradas nos xogos infantís. A iniciativa inclúe a distribución de 10.000 exemplares dos deseños gañadores aos visitantes do Museo durante o verán. O proxecto conta coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua.
Os estudantes do CIFP presentaron as súas propostas, desenvolvidas na clase durante as últimas semanas, entre as que o profesorado do centro e PuntoGal seleccionaron cinco modelos finalistas. Segundo fixo saber a asociación, 10.000 copias que se distribuirán no museo incluirán tamén un código que permite obter un dominio .gal “cun importante desconto”. Desta maneira, explica a entidade, “únese nunha mesma acción a promoción do museo, da súa colección téxtil e Internet”.
Po certo que as bonecas de papel entregaranse a partir do mes de xuño gratuitamente aos visitantes do museo. Os códigos poden validarse en calquera das dúas empresas rexistradoras que participan na promoción: Dinahosting e Entorno Digital.
A directora do CIFP Leixa, Ana Roel, actuando como anfitrioa do acto, agradeceu a confianza depositada no traballo do equipo docente e o alumnado, comentando que “iniciativas coma esta dan difusión, prestixio e permiten a realización nas aulas de traballos reais e motivadores que, ademais, poñen en valor a calidade das ensinanzas de Formación Profesional”. Así mesmo valorou o esforzo das entidades convocantes "polos premios entregados e polo recoñecemento que teñen actividades como esta no currículo das premiadas, tanto polo premio como pola magnitude da produción e o alcance dos traballos".
Pola súa banda, o director de mercadotecnia de PuntoGal, Luis Antelo, expresou a súa satisfacción pola celebración deste concurso, “no que a colección téxtil do museo é o punto de partida dos proxectos de deseño das alumnas e alumnos do centro, que poñen a súa creatividade ao servizo da renovación e divulgación dunha iniciativa coma a colección do Museo”. Tamén destacou a implicación de PuntoGal en centros educativos onde están “as xeracións para as que o galego e as novas tecnoloxías van unidos e que son determinantes para a nosa lingua siga presente na Rede”. Finalmente, Antelo felicitou aos premiados e lembrou que, grazas a este proxecto, as bonecas de papel poderán entregarse “durante o verán os visitantes do museo de forma gratuíta, e incluíndo un código de desconto para obter o dominio a un prezo moi atractivo”.
A presidenta do Padroado do Museo do pobo galego, Concha Losada, afirmou que “o Museo está ao servizo de proxectos coma este, que xuntan a creatividade coa difusión da nosa identidade, e o fan co impulso da mocidade e da innovación. Quero destacar, ademais, a vinculación afectiva que supón o formato das bonecas de papel para moitas xeracións de nenas e nenos de todo o mundo. Estou segura de que vai lembrar a todos os visitantes do museo que, sendo pobos diferentes, temos tanto en común".
Pola súa banda, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, destacou que “os traballos realizados polas estudantes de Leixa reinterpretan a tradición renovándoa, dándolle un novo pulo e, ao mesmo tempo, tomando o relevo para levala ás próximas xeracións”, e recalcou que “como futuros profesionais do deseño, de vós depende o aspecto da Galicia do futuro. Seredes vos que os decida”, recalcou.
Ademais, a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, puxo énfase no feito de que o de Leixa “é un dos centros de referencia nas súas especialidades” e que “tanto a calidade das instalacións como a do equipo docente fai que sexa un referente para toda Galicia”, e rematou a súa intervención animando ao estudantes a seguir participando neste tipo de iniciativas, “que dan visibilidade á calidade e a necesidade da formación profesional”.
Os cinco deseños seleccionados son da autoría de Mercedes de la Muela Cabanas, Sara López Bogo, Antía Cabana Fernández, Sabela Ameneiros Varela e Edan Pazos Barroso. Os gañadores do certame recibiron un diploma e distintos premios tecnolóxicos.

PUBLICIDADE