R, a operadora que máis medrou en Galicia, abre unha nova tenda en Pontevedra

venres, 8 de maio do 2009 Raquel Noya

Durante o pasado mes de marzo, ata 2.335 usuarios de telefonía móbil decidiron cambiar de operador e facerse clientes de R, a compañía galega de comunicacións por fibra óptica, que lles permitiu facelo sen cambiar o seu antigo número.
Isto fixo que R, que vén de abrir unha nova tenda en Pontevedra, se convertise no operador de telefonía con maior crecemento neto de portabilidades de móbil en Galicia e o terceiro en toda España, moi por diante de operadoras tan importantes como Movistar e Orange, que paradoxicamaente foron as que máis números perderon: 31.820 e 12.227 respectivamente.
En total, durante o pasado ano, foron 16.889 os novos clientes que contrataron os servizos de telefonía móbil de R, que finalizou o 2008 con máis de 34.000 liñas, é dicir, o 26 por cento do total das liñas de contrato acadadas polos novos operadores móbiles de toda España.
Neste intre, o operador galego xa conta con 43.000 clientes, que teñen á súa disposición máis de 70 distribuidores en toda Galicia, así como varios Espazos R e algunhas tendas coa imaxe propia.

Interior da nova tenda pontevedresa

A última das tendas que vén de abrir a compañía está situada en Pontevedra, no número 2 da rúa Fray Juan Navarrete, onde os clientes poden achegarse para ter un contacto máis directo e persoal cos seus responsables directos.
R, que xa tiña un par de distribuidores na cidade do Lérez, conta agora cunha nova tenda na que, entre outras cousas, os clientes poden pedir información persoalizada, facer trámites, recoller ou entregar equipos, reclamar algo… así como probar os produtos se así o desexan.
A nova tenda conta con tres zonas definidas: a de Móbil R, onde se atopan os seus propios terminais, a da Televisión dixital, onde os visitantes poden ver como son as canles que ofrecen e en qué consiste a guía electrónica de programación, e a de Internet, na que os usuarios poden ver como van as conexións de banda larga da compañía.

PUBLICIDADE