R e Cinfo estrean na nosa terra os faladoiros sobre innovación no deporte

luns, 18 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

Este 21 de marzo terá lugar no hotel Palacio do Carme de Santiago a xornada Tecnoloxía e Deporte, promovida pola Fundación Deporte Galego da Xunta de Galicia e organizada en colaboración con R e Cinfo, tal e como anunciamos os días pasados dende Código Cero. Segundo engadiron esta semana que comeza as entidades impulsoras da cita, será o primeiro evento destas características que se organiza para falar de innovación no deporte de Galicia, contando co engadindo extra de ter como convidados aos principais actores do mundo do deporte da nosa terra.
Na xornada abordaranse de cheo as novas ferramentas dixitais que están a transformar a forma de ver, entender, experimentar e transmitir o deporte, tanto a nivel de grandes como de pequenos clubs e ligas, e por onde se están a encamiñar as tendencias do futuro.
A cita, como dixemos, contará coa presenza de empresas punteiras no sector tecnolóxico, dos contidos dixitais e de novos e revolucionarios xeitos de carrexar aos nosos fogares eses contidos. É o caso da firma galega Cinfo, que estará representada polo seu director executivo, Antonio Rodríguez del Corral, e que centra boa parte da súa actividade en desenvolver sistemas intelixentes de produción automática de vídeo na nube. Con quince anos de experiencia ás súas costas, a empresa deu forma a salientábeis aplicacións de usuario e arquitectura de sistemas de alto rendemento para plataformas de libre retransmisión a través de internet (OTT), televisión intelixente, televisión dixital, aplicacións móbiles, sistemas de visión artificial e tratamento de vídeo na nube.
Respecto do programa, as accións darán comezo ás 9.30, coa benvida aos participantes a cargo de Alfredo Ramos, director xeral de R. A continuación será a quenda de Iván Clavel, xerente da Fundación Deporte Galego, que presentará a xornada, para dar paso a Antonio Rodríguez del Corral, director executivo (CEO) de Cinfo, que falará sobre a realización automática de eventos deportivos. Logo, sobre as 10.10, será a quenda de Gabriel Barros, responsábel de Marketing do Real Club Deportivo da Coruña, que abordará a transformación dixital aplicada ao fútbol, dando paso (arredor das 10.20) a Alberto Díaz, responsábel de Transformación Dixital de R, que fará un repaso polas claves para facer impulsar a evolución dun club deportivo.
A xornada completarase ás 10.30 horas cunha mesa profesional sobre dereitos audiovisuais do deporte non maioritario, no que participarán presidentes federativos e expertos en televisión debatendo sobre as posibilidades de emisións deportivas para seareiros e como explotar e visualizar deportes minoritarios a través dos novos modelos televisivos de Internet. Participan nesta mesa José Pereira Fariña, director de Innovación e Negocio da CRTVG, Rafael Louzán, presidente da Federación Galega de Fútbol, María Iglesas, responsábel de comunicación da Federación Galega de Baloncesto, Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán, José Alfredo Bea, presidente da Federación Galega de Piragüismo, e Isidoro Hornillos, presidente da Federación Galega de Atletismo.
Logo do almorzo de networking previsto para as 11.00 horas, Monbus Obradoiro desenvolverá un obradoiro-demostración sobre ferramentas de análise deportiva. De seguido celebrarase outra mesa profesional, desta volta sobre tecnoloxías emerxentes aplicadas ao deporte. Participan Santiago Rodríguez, directivo do Instituto Tecnolóxico de Galicia, Pablo Pintos, promotor deportivo da Federación Nacional de Luchas Olímpicas, Pedro Pernas, secretario de Praíña Sporting Club (Sigue tu Liga), e Carlos Rivas, doutor e investigador do Grupo GIST da Universidade de Vigo.
Os relatorios retomaranse arredor das 12.10 horas da man de Leonor Gallardo, que falará de xestión e liderado deportivo. Rematará a xornada José Ramón Lete, secretario xeral de Deporte, quen ofrecerá a súa visión sobre as posibilidades das tecnoloxías para as prácticas deportivas.

PUBLICIDADE