R renova o seu acordo con APD no camiño de fortalecer ás empresas galegas
mércores, 8 de febreiro do 2023
Ana
Sánchez, directora da Asociación para o Progreso da Dirección
(APD) da Zona Noroeste e Alfredo Ramos, director da operadora de
orixe galega R, selaron este mércores 8 de febreiro a renovación do
acordo de colaboración entre ambas as entidades na sede da firma de
telecomunicacións na Coruña. Co novo convenio actualízase a aposta
que xa estaban a desenvolver empresa e asociación en aras do
“desenvolvemento de iniciativas orientadas a xerar valor nos
membros da comunidade empresarial e, en suma, nas propias compañías”,
sinalaron.
Alfredo
Ramos destacou que un ano máis trátase de “renovar o noso
compromiso de seguir acompañando ás empresas de Galicia no seu
percorrido para a dixitalización plena. E iso implica colaborar con
APD de novo no intercambio de experiencias e na formación dos
directivos dos nosos negocios (…) Superamos unha pandemia camiñando
coas compañías do país e grazas a servizos de telecomunicacións
pensados por e para as persoas. Focalicemos agora nas inxentes
posibilidades da telefonía 5G, da Intelixencia Artificial e de
tantas e tantas opcións que as tecnoloxías de última xeración
ofrécennos para que as empresas optimicen os seus recursos e, sobre
todo, poidan competir a calquera nivel no mundo”.
Pola
súa banda a directora de APD, Ana Sánchez, fixo fincapé en que
“seguir traballando conxuntamente en encontros que favorezan o
networking e a xeración de oportunidades é esencial para
acompañar ás empresas na procura da excelencia empresarial. É a
mellor contribución que podemos facer para que as compañías
consigan as ferramentas para mellorar a súa competitividade”.
Ramos
engadiu que a renovación do acordo “referenda o compromiso de R
coa contorna empresarial do territorio, máis aló da actividade
institucional”. Este obxectivo, dixo, é extensíbel tanto a
entidades privadas como públicas e tendo en conta a profesionais que
interveñan directamente ou de maneira delegada no goberno ou
administración das compañías e organismos.
Entre
as actividades concretas que se van a desenvolver en Galicia neste
novo tramo de colaboración R-APD destaca unha sesión do Club CEO,
xantar exclusivo destinado á alta dirección das empresas en que,
sendo anfitrioas ambas as entidades, patrocínase o encontro
convidando a un número de ata dez máximos/as responsábeis
empresariais. Durante o evento ofrécese o relatorio dun/a CEO
(director executivo) sobre un tema de actualidade empresarial ou
novas tecnoloxías e dixitalización.
O
convenio inclúe igualmente un encontro APD Talks sobre
tecnoloxía e negocio, na mesma liña de fomentar o contacto con
persoas experts en foros onde se discuten solucións a retos do mundo
actual; á vez, compártense ferramentas e coñecementos de acceso ás
tendencias que están a cambiar ás persoas e ás empresas. Así se
fixo o pasado 1 de febreiro na Coruña, nun encontro APD Talks
titulado Como empregar a IA para o crecemento do teu negocio,
onde expertos nesta innovadora área das novas tecnoloxías
explicaron as claves para converter a Intelixencia Artificial en
aliada das empresas, aforrando en custos e optimizando recursos. O
auditorio de directivas e directivos empresariais puido achegarse,
ademais, a casos reais de éxito na aplicación dalgunhas das
potencialidades da IA.