Recala en Ambar (Ribeira) o programa de realidade virtual da Deputación da Coruña: Mergullando sen nos mollar

mércores, 11 de febreiro do 2026 S. P.

A asociación Ambar, entidade inclusiva do Barbanza con sede principal en Frións (Ribeira) acolleu este mércores 11 de febreiro pola mañá unha nova sesión do programa Mergullando sen nos mollar, unha iniciativa da área de Medio Ambiente da Deputación da Coruña que utiliza a realidade virtual para achegar o coñecemento do medio mariño ás persoas con discapacidade.
A deputada de Industria e Emprego, Rosa Ana García, visitou a entidade para coñecer o desenvolvemento da actividade e compartir a experiencia coas persoas participantes. A sesión permitiu explorar fondos mariños galegos mediante imaxes en 360 graos, cun formato sen barreiras e adaptado ás capacidades do grupo.
“As persoas usuarias levan días preguntando, agardando a actividade con moitas ganas e ilusión”, afirmou a presidenta de Ambar, Milagros Rey, que agradeceu a presenza da deputada para participar nesta xornada especial.
Rosa Ana García sinalou que a Deputación continúa a apoiar iniciativas que achegan recursos innovadores ás entidades sociais e que amplían as oportunidades de participación das persoas con discapacidade nunha experiencia inmersiva.
O programa está dirixido a entidades sociais da provincia e adapta os contidos e a duración das sesións ás necesidades de cada centro. O obxectivo é facilitar unha experiencia educativa segura e accesible, empregando ferramentas tecnolóxicas que permiten coñecer o patrimonio natural mariño sen necesidade de desprazamentos nin barreiras físicas.
Mergullando sen nos mollar continúa o seu percorrido por distintos centros da provincia da Coruña nas vindeiras semanas.
Mergullando sen nos mollar ofrece ás persoas con discapacidade de dez centros da provincia da Coruña a posibilidade de explorar os fondos mariños de Galicia mediante lentes de última xeración de realidade virtual. “Quen participe”, explica a Deputación, “pode unha experiencia realista nos ecosistemas submarinos máis representativos da nosa costa: bosques de argazos movéndose coas correntes, zonas de bateas con centos de cordas penduradas cheas de mexillóns, polbos e outros animais, agochados nos ocos das formacións rochosas, espirógrafos ou estrelas de mar”.
Ademais do compoñente lúdico, a actividade ten un importante valor educativo. Ao longo de todo o percorrido virtual, as persoas participantes coñecerán aspectos claves da fauna e flora mariña galega, do papel dos ecosistemas costeiros e da importancia de conservar os océanos.
Calquera persoa, con independencia da súa mobilidade ou diversidade sensorial, pode participar da experiencia con comodidade e seguridade. Os contidos audiovisuais, gravados integramente en augas galegas, contan cunha locución detallada que acompaña ás imaxes, polo que as persoas con discapacidade visual tamén poderán “ver con palabras” o que aparece na pantalla.