Red Dead Redemption 2 por fin está dispoñible para PC
martes, 5 de novembro do 2019
Tras o seu éxito en consolas, Red
Dead Redemption 2 chega finalmente a
ordenadores persoais, sendo o primeiro título desta franquía en
editarse para PC á vez que ofrece numerosas melloras gráficas e técnicas fronte
ás versións de consolas á hora de plasmar a historia de Arthur Morgan e a banda
de Van der Linde na súa fuxida polos EE.UU. a finais do século XIX.
O xogo aproveita a potencia dos ordenadores persoais para presentar un maior
nivel de detalle e incrementar as distancias de debuxado, unha maior calidade
na iluminación global, melloras no tratamento dos ciclos de noite e día,
texturas melloradas e incluso soporte para maiores velocidades de fotogramas,
resolucións superiores a 4K e configuracións multi-monitor.
Aparte das melloras técnicas, a versión para PC de
Red Dead Redemption 2 tamén inclúe actualizacións do modo historia
como 3 novas misións de cazarrecompensas, 2 novos agochos de bandas, 2 novos mapas
do tesouro, unha nova misión e incluso un novo modo fotográfico para poder
retratar a fermosura do modo historia deste coidado título.
Red Dead Redemption 2 para PC tamén inclúe Red Dead Online, un
modo de xogo en liña de grande éxito que non para de recibir actualizacións, de
xeito que alonga enormemente a vida deste xogo.
Incidencias na estrea
Pero este lanzamento non está a realizarse sen incidencias, e o lanzador de Rockstar Games xa tivo que actualizarse para corrixir os problemas que impedían a moitos xogadores o iniciar a partida neste novo título, e dende Rockstar tamén publicaron unha guía con problemas xerais que foron xurdindo nas últimas horas e as súas posibles solucións.
Tráiler de lanzanto de Red Dead Redemption 2 para PC