Remata o programa da Xunta Falamos+ coa participación de 10 centros educativos

venres, 28 de novembro do 2025 S. P.

A segunda edición do programa de dinamización lingüística Falamos +, no que participaron dez centros de educación infantil e primaria repartidos polas catro provincias galegas, remataba hoxe, venres 28 de novembro, no colexio Froebel (Pontevedra). Alí estivo o secretario xeral da Lingua, Valentín García, sinalando que a finalidade desta proposta é a “de aproveitar os centros escolares como espazos de socialización en idades temperás para impulsar o uso do galego máis alá das aulas, tamén nas actividades de lecer”.
Ao longo de tres semanas, ata hoxe mesmo, o estudantado estivo realizando diversas actividades lúdicas, supervisadas pola coordinadora do programa, Pilar Ponte (profesora do IES da Pobra do Caramiñal), que teñen que ver con monólogos, conversas, contos, teatro, música, baile e xogos. Neste senso, engadiu Valentín García, “temos en conta que os colexios, ademais das horas lectivas, dannos a oportunidade de desenvolver este tipo de accións para crear comunidades de galegofalantes”, seguindo a liña marcada, dixo, no Pacto pola Lingua “no que incidimos especialmente en chegar á cativada e á mocidade no impulso do idioma a través de varias vías”.
Este programa únese a outras propostas enfocadas nos máis pequenos e impulsadas a través do paquete de medidas da Xunta, que tamén teñen como escenario os centros escolares, como os 21 días co galego e +, e as distintas iniciativas como os contidos audiovisuais a través da plataforma Xabarín.gal.
Alén do colexio de Pontevedra, o programa Falamos + contou nesta provincia coa participación do colexio San Martiño, na propia cidade, ao que se lle suma o de Ardán, en Marín. Pola súa banda, en Ourense incluíronse na proposta o colexio público de Seixalbo e o do Ruxidoiro, no concello de Barbadás. Na de Lugo forman parte da iniciativa os centros Martínez Otero (Foz) e o da Gándara (Monforte). Mentres, na Coruña interveñen o Sagrada Familia e o Cornide Saavedra, da cidade herculina, e o Cruz do Sar, de Bergondo.
O resultado do programa Falamos+ foise amosando nun blog que actúa como fío condutor desta iniciativa, e no que se poden ver as diferentes actividades desenvolvidas en cada unha das xornadas do programa.