Roland presenta unha mesturadora compacta para facer streaming

martes, 23 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Para a realización de directos a través da Internet fixéronse moi populares tanto as interfaces de audio para poder empregar micrófonos profesionais como as capturadoras e mesturadoras de vídeo para poder gozar de vídeo de calidade achegado de cámaras, ordenadores e consolas de videoxogos, e para unificar todo isto Roland presenta unha atractiva solución: a Bridge Cast X.
Estamos ante unha solución de sobremesa compacta e todo en un que conta con dúas entradas de vídeo HDMI e unha USB-C, saída HDMI (para poder facer passthrough de vídeo), toma para micrófonos XLR, saídas para altofalantes e auriculares e entradas de son por minijack e USB-C.
Con este hardware é doado facer streaming empregando un ordenador para xogar e outro para emitir e chatear; resulta tamén doado facer directos cunha consola de videoxogos e un ordenador; e incluso é unha boa solución para simples conversas en vídeo nas que poder empregar cámaras de calidade (con saída HDMI). A isto hai que sumarlle un control de son profesional e a posibilidade de empregar micrófonos de estudio sen ter que empregar un pre-amplificador adicional. A Bridge Cast X permite realizar unha mestura sonora de dobre bus, ou sexa, que permite un axuste para o público e outro para o usuario. Tamén permite aplicar efectos de voz e funcións de ecualización, compresión e outros filtros para que o apartado sonoro teña unha grande calidade.
A grande vantaxe deste tipo de dispositivos é que contrólanse de xeito físico, ou sexa, que o usuario interactúa co seu propio tacto, o que fai máis doado o manexo durante a realización de directos, permitindo axustar a mestura sonora mediante diais e botóns, alternar a fonte de vídeo cunha simple pulsación, e incluso cóntase cunha serie de botóns programables que poden empregarse para lanzar efectos sonoros ou para lanzar instrucións ao OBS (por exemplo, para cambiar de escena).
O dispositivo chega acompañado por unha completa aplicación que permite axustar numerosos parámetros (podendo gardar diferentes configuracións en función do tipo de directo que queiramos facer).
O Roland Bridge Cast X chegará ao mercado no mes de febreiro a un prezo de preto de 500 euros.

Vídeo promocional do novo produto de Roland

A conectividade da Roland Bridge Cast é moi completa

PUBLICIDADE