Rueda asegura que a supercomputación e a IA en Galicia non son «un relato de ciencia ficción»

mércores, 31 de decembro do 2025 Redacción

A mensaxe de fin de ano do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, non só salientou a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (a quen se lle dedicou o ano 2025), senón que tamén quixo dedicar unhas palabras ao sector tecnolóxico e á aposta pola investigación e o desenvolvemento na nosa terra.
O mandatario autonómico falou dunha «Galicia que aposta pola investigación e a innovación, que son os piares dun crecemento robusto. Cada ano investimos máis de 1.000 millóns de euros en I+G+i, a I+D+i galega, a que facemos aquí, porque contamos con científicos brillantes e queremos fichar moitos máis». Ao que engadiu que «teremos aquí, en Galicia, o supercomputador público máis potente do sur de Europa e unha das seis novas fábricas de Intelixencia Artificial que vai haber no noso continente. Porque non é un relato de ciencia ficción: é a crónica da Galicia de hoxe».

A mensaxe de fin de ano do presidente da Xunta