Rueda reafirma a Galicia como aliada das grandes tecnolóxicas

mércores, 25 de marzo do 2026 Redacción

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou Galicia como un nodo tecnolóxico de referencia en Europa e aliada das grandes compañías do sector, salientando o seu potencial para crear emprego cualificado e liderar a transformación dixital. Fíxoo durante a clausura do acto polo centenario de IBM en España, onde tamén subliñou o compromiso do Goberno galego cunha estratexia que mobilizará 4.000 millóns de euros ata 2027 no marco da Estratexia Dixital 2030.
Nesa liña, indicou que 2.450 millóns corresponderán a investimento directo da Xunta para estender o uso de tecnoloxías como a intelixencia artificial, nun contexto no que Galicia aspira a liderar ámbitos de vangarda. Como exemplo, destacou a presenza na Coruña da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial e o feito de ser a primeira rexión europea en aprobar unha lei para regular o uso desta tecnoloxía no sector público.
Rueda puxo tamén en valor o ecosistema tecnolóxico galego, cun sector TIC que suma máis de 3.100 empresas e preto de 23.500 profesionais, a cifra máis alta da súa historia. Neste contexto, agradeceu a IBM a súa aposta continuada por Galicia e, en particular, polo centro de innovación de Ourense, que emprega a arredor de 300 persoas e contribúe, segundo sinalou, a reter e atraer talento.
O presidente incidiu en que a modernización e a dixitalización constitúen unha oportunidade para reforzar a cohesión territorial e garantir a igualdade de oportunidades entre o medio rural e o urbano. A este respecto, apuntou que tecnoloxías como a intelixencia artificial xa están a ter impacto en ámbitos como a sanidade (coa historia clínica electrónica, a receita farmacéutica ou os sistemas de diagnóstico), así como na predición de incendios, inundacións e na meteoroloxía.
Do mesmo xeito, destacou o avance da administración electrónica, cunha elevada implantación dos servizos dixitais: preto do 90% da cidadanía realiza xa os seus trámites coa Xunta de forma telemática, o que contribúe á automatización de procesos e á simplificación burocrática.
No eido da innovación, Rueda fixo fincapé tamén na aposta pola tecnoloxía cuántica, con iniciativas como o datacenter do CESGA, orientado a consolidar Galicia no ámbito da supercomputación, ou o desenvolvemento dun val europeo especializado nesta tecnoloxía, liderado pola comunidade e no que participan nove países.
Finalmente, o mandatario galego insistiu na necesidade de que o desenvolvemento tecnolóxico manteña sempre ás persoas no centro: «Mentres non esquezamos que o centro son as persoas, por aí poderemos seguir avanzando», afirmou, ao tempo que defendeu a tecnoloxía como motor de benestar social e crecemento económico.